Dous gravados inéditos en Corme e en Barizo

JUAN FÉLIX NEIRA PÉREZ

CARBALLO

Gravado de Corme
Gravado de Corme JUAN FÉLIX NEIRA

APUNTES HISTÓRICOS | Escribe Félix Neira Pérez | Cómpre non desatender estas humildes manifestacións sobre a pedra xa que, amais da súa enigmática orixe, sempre nos envían sinais da vida cotiá dos nosos antepasados e tempos pretéritos

22 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fronte aos grandes conxuntos de petróglifos, como A Fieiteira de Corme ou Pedra Ancha de Dumbría, existe tamén unha multitude de insculturas illadas e menos espectaculares. Aínda que difíciles de datar, moitas non son prehistóricas senón históricas, é dicir, moito máis recentes e motivadas ás veces por outras causas, como a cantería tradicional ou o mero divertimento. Así ocorre —cremos— con dous gravados inéditos, que non chamaremos petróglifos porque non parecen prehistóricos.

O de Corme atópase no monte, á beira dun camiño antigo que pasa preto do conxunto da Fieiteira e remata non lonxe da subestación eléctrica próxima á aldea do Roncudo. A súa existencia seguramente garda relación, directa ou indirecta, con este camiño. Realizado sobre unhao laxe granítica de gran fin (4 metros por 1,5 metros) situada a rentes do chan, o gravado é un rectángulo alongado (43 centímetros por 6 centímetros), rebaixado totalmente no seu interior e cun suco de 2 centímetros de profundidade, seguramente relacionado co camiño no que se atopa, máis que con tarefas de cantería tradicional.

Máis interesante semella o de Barizo, que se encontra no lugar do Castro, moi preto da igrexa e do poboado castrexo, na rampa da casa denominada A Rocheira. Os propietarios, Manuel Doldán e Isabel Pose, nunca repararan no gravado. Sobre unha laxe granítica de gran groso (1,40 metros por 75 centímetros), moi limpa por efecto da auga a presión, obsérvase o que parece un rectángulo (71 centímetros por 19 centímetros) que ten a parte superior fragmentada; o interior está segmentado en tres partes, a central de 30 centímetros de longo e de 20 centímetros as laterais; o suco presenta un centímetro de profundidade.

Gravado de Barizo
Gravado de Barizo JUAN FÉLIX NEIRA

Do significado da inscultura só cabe facer hipóteses. O Colectivo A Rula, dedicado en corpo e alma á divulgación de petróglifos e gravados, propón como data a segunda metade do século XVIII. Recorda o «escaleriforme» da Fieiteira, aínda que neste o suco está máis desgastado. Con respecto á orixe da laxe, temos algo máis de información. Segundo Manuel, a pedra debeu de poñela na rampa o seu sogro despois da década de 1970, se cadra xa na de 1980, como resultado de obras na casa, que data de 1919, como consta no epígrafe do lintel da porta principal. O gravado semella anterior a esta data, desde logo, e debeu de vir xa insculturado na pedra traída do monte. Cómpre recordar que o Monte Nariga próximo foi durante séculos canteira de granito para toda a contorna. Así, engade Manuel que antano traían pedra do lugar da Costa, detrás do camposanto de San Nicolás, porque era fácil de escachar; ou tamén das Picotas, zona que dá ao porto de Barizo e non lonxe do Camiño dos Faros, aínda que o granito era aquí doutro tipo. En todo caso, é razoable supoñer que a peza veu dun lugar próximo.

Cómpre non desatender estas humildes manifestacións sobre a pedra xa que, amais da súa enigmática orixe, sempre nos envían sinais da vida cotiá dos nosos antepasados e tempos pretéritos.