A semente máis verde enraíza entre un grupo de alumnos de Xove

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ECOVOZ 2022 | O colexio Pedro Caselle Rollán de Xove súmase, un curso máis, ao programa Recíclate con Sogama

04 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ser premiados, o curso pasado, ao abeiro do programa Recíclate con Sogama serviu como panca de cambio, como motor para espertar entre os alumnos de quinto de primaria do CEIP Pedro Caselle Rollán de Xove unha conciencia medioambiental que xa se percibía. Así o advertiu a xefa de estudos e mestra do centro, Marta Álvarez, e por iso trasladou ao grupo a posibilidade de mergullarse nunha educación máis medioambiental se cabe. «A verdade é que o concurso foi a tarefa final, pero ao longo dos meses estivemos traballando en varias cuestións», lembra.

A primeira foi crear a instalación doada por Sogama. Con ese punto de partida, «empezamos a traballar na aula o tema da reciclaxe, como poderíamos colaborar desde o centro e nas casas para que polo menos no tempo do recreo os nenos e nenas se concienciaran da súa importancia». E así, tamén naceron as ecopatrullas, «grupos de tres nenos que saen ao patio e informan ao resto dos compañeiros acerca de como reciclar».

O xerme enraizou e as ideas non deixaron de nacer. Chegou a limpeza do horto da escola, que «estaba un pouco deixado», e instalaron os composteiros cedidos por Sogama. «A verdade é que non foi fácil porque a zona estaba abandonada, parecía unha selva, pero a pesar de todo os nenos colléronlle o gusto», destaca. Dese xeito, tanto as ecopatrullas como o horto escolar serviron para sementar entre os alumnos auténtico espírito verde. Tal foi a implicación que «acabaron creando sementeiros con botes de iogur, con caixas de plástico que nos doaron no comedor e con envases de suavizante fixeron regadeiras». O curso —recoñece— foi complicado «polas máscaras e polo de non xuntarse», pero a balanza puido equilibrarse pola excelente acollida que os alumnos de quinto de primaria lle deron a todas as iniciativas.

Galardón

Sobre a participación no concurso impulsado por Sogama, Álvarez explica: «Non o pensamos moito e decidímonos a participar. Cada un achegou as súas ideas, votamos e, ao final, o cartaz final foi unha mestura de todo o que fomos vendo no curso. Unha obra de arte na que cada un puxo o seu grao de area». Os rapaces, «eufóricos» e agradecidos polo recoñecemento, plasmaron un reloxo de area. Un deseño cunha cidade contaminada, un paisaxe natural e, no medio, un mecanismo co sistema de reciclaxe que habería que activar.

Felices co premio en metálico, os alumnos aínda soñan «co que máis lles apetecía, a maior das súas ilusións», unha visita a Sogama adiada por mor da pandemia que seguro chegará.

«A resposta dos rapaces sobre continuar ou non con estes temas foi un si rotundo»

O ano pasado tan só foi unha toma de contacto, un aperitivo do moito que van seguir facendo no colexio lucense para insistir na necesaria protección do entorno, para impulsar a economía circular desde o entorno educativo. Este curso os rapaces non o dubidaron: «A resposta sobre continuar ou non foi un si rotundo», lembra Álvarez. De forma que o que levaron a cabo o ano pasado quedouse curto á hora de planificar as prioridades deste curso. «Algunhas xa están listas e moitas quedarán sen facer porque non vai dar tempo», sinala.

A folla de ruta prevista comezou coa ampliación da illa de reciclaxe con novos cubos para pilas e baterías. A maiores, puxéronse mans á obra para recoller e clasificar tapóns para que doarán a unha asociación e que tamén servirán para «facer un mural que presida a illa de reciclaxe». O horto escolar continúa e —subliña Álvarez— «volvémonos máis reivindicativos». De que modo? «Os animais están moi presentes e fixemos bebedeiros con latas e casiñas para que os gatos da rúa poidan resgardarse». Pero ademais, engade, «viñémonos arriba e elaboramos carteis e cánticos reivindicativos que os nenos e nenas deron a coñecer por todo o pobo no entroido».

Crear vídeos e trípticos informativos sobre a recollida selectiva e realizar limpeza de lixo nas praias do municipio son algunhas das actividades pendentes.