Despois traballei en tres casinos privados, os últimos tres anos en Londres, de sumiller en Aspinall’s Casino Club, no numero 27-28 de Curzon Street, que, por certo, esa foi a casa onde se criou a raíña nai, a que tomaba gintónics para almorzar. Estando no Clermont Club, no 44 Berkerley Square Mayfair, tiven que representar o casino na competición Waiter of the year no ano 1992, na que tiven a sorte de gañar.
No tempo que vivín en Londres fun, por suposto, a todos os concertos que puiden, e tamén á Live Aid en Wembley, o 13 de xullo do ano 1985, unha experiencia inesquecible que me ensinou que a música e a arte poden cambiar o mundo. Tamén en Londres empezou a miña febre por acumular guitarras, unha enfermidade que aínda sufro agora. Xa teño doce instrumentos colgados na miña parede. Un día de inverno do ano 1997, estando de visita en Malpica e falando cun amigo do meu plan de abrir un día un restaurante, el mencionou As Lanchiñas en Cabana de Bergantiños como un lugar precioso para montar un negocio de hostalería, e o resto xa é historia, o nacemento do Mar de Ardora, grazas á miña teimosía e ao traballo e dedicación incansable de Marisol na cociña: o chill out con música jazz en directo á beira da ría, soño cumprido.