Un grupo de mozos, a Escola do Alprende de Oza, recupera vestimentas ancestrais desta comarca. O seu paso pola feira de Carballo, o pasado domingo, foi todo un espectáculo. Esta é a historia!
02 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Se o domingo pasaron pola feira de Carballo e se viron sorprendidos por unha comitiva de entroideiros, entón han querer saber quen se atopaba detrás de traxes e carozas. Non eran vestimentas calquera, senón recuperadas das tradicións da comarca bergantiñá, do século pasado: Carballo, Coristanco, Malpica, A Laracha... Detrás dese traballo, que vén duns anos a esta parte, está a Escola do Alprende (escrito así, unha chiscadela a 'aprende'). Presídea Ramón Varela Rodríguez, Ramón do Serrador (Oza, Carballo, 1993), quen aínda tivo a fortuna de saber o que era correr o entroido. Hoxe moitos nenos xa non, quédalles lonxe: «Adoptamos festas de fóra cando aquí temos manifestacións culturais potentes que a xente case non coñece».
A entidade, fundada por varios mozos no 2016, ten uns 50 alumnos, dende nenos a algún de 81 anos. Traballa no eido da música tradicional, así que percorren parroquias facendo traballo de campo e investigacións. Ao preguntar por melodías ou bailes saía tamén o entroido.
«Máis que de traxe en si, podemos falar dunha estética común na comarca e mesmo noutros puntos da provincia», di Ramón. A da Coruña, máis poboada, costeira, con ir e vir de xentes, quizais non conservou tanto a tradición pura como a de Ourense, ao que lle houbo que sumar «a prohibición desta festa no franquismo». «O entroido nos anos 20 en Galicia era potente. Aquí quizais non se mantivo o tempo suficiente como para que cristalizase nun traxe concreto. A xente di ‘faciámolo así e así’, cunha estética común, pero logo certa liberdade creativa, porque tamén dependía moito da economía de cada quen. Unha señora de Sísamo contounos que para os madamitos ata podían chamar costureiras, era case unha cousa de gala», indica.
De momento, son tres as estéticas recuperadas pola Escola do Alprende. Unha, esa mesma, a dos madamitos: «Este si o podemos considerar traxe, aínda que nalgúns puntos lle daban nome e noutros non», conta Ramón, incidindo no traballo que xa hai ben anos que fan en Cerqueda, ou nas investigacións que acomete Senda Nova. Locen unha base branca, tipo enaguas, con coloridos lazos pendurados, «que nalgúns casos incluso podían ser de papel». Ademais de na localidade malpicá, faláronlles desta vestimenta en Sísamo, en San Xusto e Santa Baia (Coristanco) ou en Baldaio, con outro nome. «Vai por parroquias, sobre todo o sombreiro», indica. A maiores de basearse nas testemuñas orais de quen aínda o lembra, tiveron a fortuna de dar cunha fotografía que lles permitiu unha recreación o máis fiel posible.
A segunda das estéticas restituídas sería a de choqueiro, cuberto con follas de millo: «O pesado da festa». A terceira, o varredoiro: «Roupa da casa de toda a vida. Varredoiro é unha vasoira para varrer o forno cando se cocía. Así que collían borralla e ciscábanse nela, de aí o nome». Este domingo en Carballo, formando parte da comitiva, tamén portaba unha moza un traxe de saca bordado con la, vestimentas que ata medio século atrás eran vestidas na zona larachesa de Montemaior.
«O realmente tradicional do entroido é a actitude, o ritual. Como te comportas coa xente, como interactúas, rompendo as normas, facendo monerías que igual noutro momento do ano non se podía facer. O entroido tiña está función social que hoxe igual se perdeu un pouco, e sería importante que non fose así», indica Ramón. En Xoane sacaban os carros das vacas e repartín filloas; noutros puntos facíanse composicións; piñatas con auga e borralla; había regueifas, foliadas ou piques de cornas como a que este mozo toca na imaxe superior, documentada en Coristanco. Tradicións que foron desprazadas por carnavais máis modernos, rompéndose a cadea de transmisión: «En toda tradición hai un diálogo con novas influencias, e iso non está mal, pero o importante é ter unha base asentada, que logo poidas pasar polo teu filtro». Na entidade poñen en valor, e así llo tratan de inculcar aos máis nenos, o valor do feito a man, «a catarse» de elaborar o propio disfrace.
A Escola do Alprende naceu polo desexo destes mozos, de entre 24 e 35 anos, de fomentar un ambiente e unha conduta participativa na xente á hora das actuacións tradicionais, dos bailes: «Non estar nós no centro e que te miren como se prendesen a televisión». «Queremos reivindicar as accións culturais fóra de programa. Hoxe dá a sensación de que temos que ter todo planificado. O Concello de Carballo gasta en cultura, pero onde está o popular e o tecido asociativo? As Administracións teñen unha postura paternalista e a xente, se non lle programan, parece que tampouco pode facer nada, organizarse. E non, eu sempre digo: se había algo, intenta recuperalo; se non o hai, invéntao».
Este foi o primeiro ano que estes entroideiros baixaron á feira da capital municipal, ademais de percorrer parroquias: «É máis fácil ter visibilidade en entornos urbanos, pero iso non significa que no rural non existan cousas. Facer accións culturais de carácter colectivo nestes ámbitos non é doado, con comunidades moi desarticuladas. Por iso mesmo lle pediría ás Administracións que o valoren».