Rosalía de Castro, moito máis ca un só día

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

23 DE FEBREIRO | Continúan na Costa da Morte as actividades en torno á escritora padronesa. ¡Bota un ollo! A Laracha, Vimianzo, Corcubión, Cee, Cerceda...

25 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Reivindicar o papel central de Rosalía de Castro na cultura galega e, tamén, a importancia de que ese posto central este ocupado por unha muller, malia todos os obstáculos que tivo que superar polo simple feito de selo, foron os dous eixos da intervención teatralizada ofrecida onte na Casa da Cultura de Vimianzo. Dela puideron gozar os alumnos do instituto Terra de Soneira e do CEIP San Vicenzo con Producións Dispersas e o seu espectáculo Sempre Rosalía. Sobre o escenario, Ana Ponte e, ademais, Diego Freire.

Na Laracha, doutro lado, festexouse onte o segundo día de programación en torno ao Día de Rosalía, 23 de febreiro. Foi tempo de teatro e monicreques, con Larraitz Producións. Caión e A Laracha xa acolleron citas, así que para hoxe queda Paiosaco: Trémola Teatro actuará no centro sociocultural ás 18.00, cunha sesión de contos que titulan A miña historia.

Cerceda e Cee, mañá

O Concello de Cee, do seu lado, está a homenaxear a figura da poeta padronesa durante todo este mes cunha pancarta na Casa da Cultura. Ademais, mañá, sábado, o auditorio Baldomero Cores acollerá ás 20.00 horas a función Libre como os paxaros, da veterana e premiada compañía Teatro do Atlántico, un achegamento á vida e á obra da autora con María Barcala sobre o escenario. É un espectáculo pensado para maiores de 12 anos, cun custe de 5 euros (3 a entrada reducida). Finalmente, en Cerceda, tamén mañá, o auditorio municipal abrirá as súas portas á agrupación Lisístrata, que ofrecerá para os presentes a obra Tecín soia a miña teia (18.00 horas). É preciso reservar entrada a través do teléfono 981 685 001. Son actos que continuarán, pois, a estela dos xa celebrados na Costa da Morte o propio mércores

Un simbólico pleno escolar declarou a Rosalía filla adoptiva de Corcubión

En Corcubión, a iniciativa da ANPA Alén, e en colaboración co colexio Praia de Quenxe e o Concello, celebrouse una simbólica sesión plenaria na que tomaron parte alumnos de cuarto, quinto e sexto de primaria. Declararon a Rosalía de Castro filla adoptiva de Corcubión, a título póstumo. Os «concelleiros e concelleiras» do Praia de Quenxe, con parte da corporación «real» presente, leron unha moción que quedou aprobada por unanimidade. «Foi presentada pola ANPA Alén por rexistro de entrada para que se ratifique en sesión plenaria ordinaria e así se declare oficialmente a Rosalía filla adoptiva de Corcubión a título póstumo. Alén leva facendo estes anos diversas iniciativas para o coñecemento, divulgación e promoción do día da maior poeta das nosas letras. A ANPA quere así educar en democracia, en valores de vangarda, respecto e igualdade que reflicte a personalidade de Rosalía. Máxime nun edificio que foi a escola de moitos veciños e veciñas de Corcubión que forxaron e formaron os adultos que somos hoxe. Queremos que a comunidade escolar sexa unha escola de democracia», traslada Alexandre López, presidente da entidad. Para rematar, Javier Domínguez cantou Adiós ríos, adiós fontes e Álex López recitou un poema.