«Os rapaces son os primeiros en pedir nas casas que se recicle, son un fantástico exemplo»

La Voz

CARBALLO

21 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O concepto ecoloxista, a etiqueta que define cando algo é sostible vai moito máis alá do que a priori un pode pensar. No colexio Celso Emilio Ferreiro apostan pola economía circular do modo máis amplo, tamén desde o punto de vista da arquitectura e da mobilidade dos seus alumnos. O proxecto de crear unha aula postcovid é só un exemplo da visión integradora do centro. Tal e como explica Rodríguez, «entra dentro do plan de arquitectura pedagóxica». Así, da man do arquitecto Fermín Blanco, o sistema Lupo do Centro de Formación e Recursos (CFR) da Coruña xa se deixa sentir coa remodelación dunha das aulas do colexio. Cal é a finalidade? «Trátase de establecer como deben ser as aulas dun futuro relativamente próximo», subliña o director. No seu caso, aproveitarán que gozan no exterior de moito espazo verde. «Abrimos a aula cunha porta de saída máis ampla e, ao tempo, tamén poderiamos usar os patios como aulas». Ademais, teñen previsto remodelar os espazos interiores para que as mesas individuais dean paso ás hexagonais e incluso octogonais.

Toda a comunidade educativa vólcase nos proxectos medioambientais que impulsa o centro e Rodríguez presume diso: «Esta é unha comarca moi dispersa e os rapaces son os primeiros en pedir aos pais que se recicle na casa. Son un fantástico exemplo».