Fran Lareu: «A comedia é a mellor vía para analizar o que pasa, como xa fixo Manuel María»

P. Blanco, M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A compañía Teatro da Ramboia recalará este sábado na Casa da Cultura de Vimianzo coa peza O meu mundo non é deste reino

17 feb 2022 . Actualizado a las 13:15 h.

Este sábado continuará na Casa da Cultura de Vimianzo a programación cultural de inverno da man de Teatro da Ramboia, unha compañía que porá en escea a peza O meu mundo non é deste reino, adaptación do clásico Farsa de Bululú. Gañadora do certame Manuel María de Proxectos Teatrais, o público poderá gozar desta produción por cinco euros, con posibilidade de mercar anticipadamente a entrada a través de Woutick.es. Nunha entrevista emitida en Radio Voz Bergantiños, un dos actores, o lalinense Fran Lareu, confesou estar «desexando levar a peza a Vimianzo». Así o contou:

—Como nace esta compañía?

—Arrancou con Anxo García, titiriteiro que leva toda a vida na profesión, e agora xuntouse comigo e con María Peinado, a directora artística, para presentar proxectos un pouquiño máis grandes.

—«Farsa de Bululú», é unha icónica peza de Manuel María de marcado carácter antifranquista. Que se conserva dese texto?

—María fixo unha adaptación e, aínda que se tivo que reducir, xa que a peza era moi longa, conservouse bastante do texto orixinal. Sobre todo o espírito antifranquista e antitotalitarista, que se estendeu ao que está sucedendo en toda Europa. Temos un pequeno ditador que vai convencendo co seu discurso e, no escenario, mesturamos monicreques con actores, que estamos sempre presentes. É un mundo no que por desgraza a historia se vai repetindo.

—Que atopará o espectador sobre as táboas?

—Teatro da Ramboia mestura moitos conceptos: artes plásticas, monicreques, danza, teatro de autor... Sobre o escenario, dous personaxes portan unha especie de caixa de Pandora e, unha vez se abre, dela vai saíndo de todo. Historias potentes, pero que non deixan de ser unha farsa. Cremos que a comedia é unha das mellores maneiras de observar e analizar o que sucede. Xa Manuel María o fixo no seu día para enganar á censura.

—Que tal foi a acollida?

—Moi boa, estamos moi contentos. É certo que en Galicia non hai moito teatro de monicreques para adultos, por iso soe sorprender bastante. Nós, os actores, nunca deixamos de ser nós mesmos, pero transformámonos nas personaxes que manipulamos e ese xogo nunca está oculto.

—Hai que ser cauto con isto das marionetas e a crítica social, que algún xa acabou no cárcere por algo semellante...

—Certo [ri]. A nós, polo de agora, non nos pasou nada máis aló de dúas ou tres persoas nalgunha función que marcharon porque non estaban dacordo co que vían. E iso, sempre o digo, é moi bo para nós, porque significa que estás tocando algo aí, que o estás facendo ben.

—Que pode aportar o teatro na situación actual?

—O teatro, e a cultura en xeral, son unha parte fundamental da vida, pois dannos unha visión moito máis ampla e humana da vida. O teatro sempre enriquece, aínda que só sexa unha horiña e media de desconexión. É un paréntese na nosa vida rutineira.