EN PRIMEIRA PERSOA | Visto este fabuloso conxunto, penso na necesidade de garantir a súa conservación
13 feb 2022 . Actualizado a las 18:47 h.
Calquera con interese en vivir experiencias das que deixan pegada na memoria ten na Costa da Morte un destino á súa medida. Non esquezamos que é o lugar intelixentemente escollido polo astro rei para o seu descanso. Conserva un patrimonio natural ben coñecido por moitos, as súas exuberantes praias, os impoñentes cantís e cabos, as pequenas illas, as fantasiosas formacións rochosas, os vizosos bosques de ribeira, os seus canóns e fervenzas son obxecto dunha ben merecida valoración social. Tampouco precisa moita presentación a súa gastronomía e hostalaría, os suculentos mariscos, pescados e carnes servidos por prestixiosos restaurantes e hoteis. Non menos interese ten o seu rico patrimonio artístico, as senlleiras arquitecturas relixiosas e civís de épocas pasadas, igrexas, capelas, santuarios, mosteiros, castelos, pazos, pontes, faros, pedras milagreiras ou o místico Camiño Xacobeo a Fisterra. E tamén os seus museos, así como o seu patrimonio etnográfico, cruceiros, hórreos, eiras, muíños, batáns, alvarizas, lavadoiros que conforman un conxunto excepcional, que, en xeral, goza dun aceptable estado de conservación. O seu patrimonio arqueolóxico non merece menos atención, os seus castros, Borneiro, As Barreiras, Mallou, os monumentos megalíticos, con Dombate á cabeza, aos que, non sen gran retraso, por fin semella que lles chegou o momento de seren achegados aos cidadáns, grazas ao impulso do tantas veces demandado Parque do megalitismo da Costa da Morte por parte da Deputación da Coruña.
É no meu caso particular a súa arte rupestre a que me leva a visitar con certa frecuencia estas terras. É esta unha manifestación cultural apenas coñecida, a pesares do seu indiscutible valor. Quizais os seus petróglifos sexan pouco coñecidos entre o público xeral mais nos últimos tempos son varias as iniciativas desenvolvidas na Costa da Morte que están a mudar pouco a pouco esta situación. Nalgunhas tiven o privilexio de participar xunto aos meus compañeiros da Rula.
En Ponteceso. a divulgación e as descubertas de Suso Lista, secundadas polo entón concelleiro de Patrimonio Carlos Penedo, tiveron como resultado A realización dunha exemplar ruta dos petróglifos de Corme, que inclúe no seu percorrido estacións tan singulares como o Petón da Campaíña, A Regadiña ou o conxunto da Fieiteira. É unha mágoa que os resultados políticos inexplicablemente detivesen esta iniciativa e, na actualidade, perigue a continuidade do mantemento, a conservación e a promoción destes bens de gran valor. Pero Suso Lista non se detivo e continúa incansable coas súas descubertas e visitas divulgativas.