Ghaleb Jaber Martínez: «O cine é unha ferramenta de educación»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ghaleb Jaber Martínez
Ghaleb Jaber Martínez Paco Rodríguez

Carballo está a acoller Amal en Ruta, un ciclo de películas euroárabes: calidade e mensaxe, indica o presidente da Fundación Araguaney Puente de Culturas, entidade promotora

11 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Carballo acolle este febreiro a quinta edición do ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta, versión resumida da última edición da Semana de cine Euroárabe Amal, celebrada en Santiago. Amal en Ruta é unha iniciativa da Fundación Araguaney Puente de Culturas, da que é presidente Ghaleb Jaber Martínez (Compostela, 1981), director ademais deste ciclo que, na capital de Bergantiños, xa sobrepasou o ecuador. Interveu en Radio Voz. Quedan aínda dúas proxeccións: días 17 (El retorno: la vida después del ISIS) e 18 (Gaza, mon amour): ás 20.30 horas, ambas. Máis detalles das películas, aquí

—Falamos de propostas que teñen estado nos principais festivais internacionais e dun percorrido polo mellor cine árabe actual. Sesións de altura, unha delas nominada aos Goya, e de balde. Parece que non habería que perder a oportunidade.

—Para Amal temos un obxectivo claro: cine de excelente calidade do mundo árabe e cine que nos faga pensar, que nos abra os ollos sobre materias que dende a parte europea do Mediterráneo nos é máis complexo entrever. A persoa que vai ver unha proxección de Amal é unha persoa predisposta a derribar muros mentais, prexuízos. Atopará moitas veces unha peli mellor do que esperaba.

—Amal segue sendo necesario. Que papel xoga?

—Ofrecer unha cinematografía diferente e unha mensaxe diferente. O cine é unha industria, dálle de comer a moita xente e iso é loable, pero tamén é unha ferramenta de educación moi potente. Temos neste caso un cine que non podería verse se non fose pola iniciativa de Amal e, sobre todo, unha cinematografía comprometida coa súa propia sociedade [feita por unha xeración nova, formada, que traslada mensaxes que, en réximes ditatoriais, non gustan]. Nós, no noso caso, reflexionamos sobre quen son os nosos veciños, que é o mundo árabe, que problemas lle afectan. As emocións son unha linguaxe universal e ao final sentimos igual cunha historia de amor na franxa de Gaza que con outra en Carballo ou en Manhattan. Iso é o bonito do cine, a capacidade de facernos sentir e empatizar.

—As plataformas dixitais foron unha bendición para o cine social?

—Coma todo, ten parte positiva e negativa. Positiva, que ofrecen unha capacidade de visionado tremenda. Negativa, e falo xa a nivel máis técnico, porque cando vendes os dereitos de exhibición a unha plataforma, moitas veces estás preso do que decida facer: poida que se agoche o traballo como unha gota de auga no océano ou pode que se converta en algo máis accesible. Si teño claro que o cine árabe ábrese paso pola súa calidade. Hai historias e cineastas con olladas únicas que merecen a pena.

—Filmes producidos por Palestina, Catar, Xordania, México e diversos países europeos son as deste ano. Traballouse nun contexto de pandemia. Sairemos máis unidos?

—Da pandemia? Non. A loita por máscaras, EPI, respiradores... puxo de manifesto que o gaña é o que máis cartos ten. Creouse un momento bonito e empático, sentimos o espellismo de ter un obxectivo común, solidariedade, pero todo iso... O que si que creo é que a pandemia fixo que valorásemos máis certas cousas a nivel individual: relacións, calidade de vida, ese movemento migratorio das cidades ao rural...

Amal en Ruta 2022 presentouse como unha proposta de esperanza. Algún día Europa saberá mirar cara os conflitos no mundo árabe que implican humanos?

—Europa é un lugar complexo, pola diversidade cultural, a historia... O mesmo pasa no mundo árabe, aínda que a xente téndeo a ver como unha masa homoxénea. A vinculación de España co mundo árabe é tremenda, pero a de Finlandia é moito máis fría. O que si está claro é que os europeos temos moito máis que gañar na relación co mundo árabe ca o que temos que gañar na relación de Europa con Asia. Por prexuízos sen fundamentos, caso da relixión, cremos unha fronteira mental que nos impide ver esa cantidade de oportunidades. En todas as sociedades hai un conflito entre a xente que quere retroceder e a que quere avanzar.

—En Carballo, Amal en Ruta foi gañando espectadores nestes 5 anos. Abrir miradas dende a cultura contra a intolerancia e o extremismo parece que se vai logrando. Son pequenos grans?

—Non hai unha solución magnánima, pero cada un de nós podemos dar pequenos pasos, e ao final conseguimos abonar un camiño, unha sociedade futura onde os nosos fillos teñan unha vida mellor. Vivir tranquilos é o obxectivo do mundo árabe e do occidental, do europeo. Antes da pandemia, o mundo árabe-musulmán era unha ameaza... Chegou o covid e esa ameaza desapareceu dos medios, iso xa non é o problema, agora éo Rusia. O espectador ten que reflexionar se o medo que temos con respecto aos outros é intencionado ou real. Hai que ter ferramentas de reflexión, distinguir a palla do gran.

—Sendo vostede director creativo da produtora CTV, cómpre preguntarlle: haberá nova tempada do Sabor das Margaridas?

—Encantaríanos e temos algunha proposta, pero entendemos que isto é un mercado. Se as condicións se dan, encantados de seguir acompañando a este personaxe tan polémico. Mentres, seguimos con outros proxectos, caso da gravación de Motel Valkirias, coproducida con Portugal.

—Está o audiovisual galego no seu mellor momento?

Creo que hai un paralelismo moi grande entre o que acontece agora con el e o que pasou hai decenios coa moda galega. Déronse conta de que en Galicia existía un sector audiovisual cunha grande experiencia acumulada dada a aposta da TVG pola ficción. Isto fíxonos traballar moitos anos con orzamentos reducidos, pero cunhas ansias de mellorar incribles. Unha vez que a ficción pega ese bum, e se comezan a producir moitas series, é cando se descobre que aquí estamos plagados de talentos, diante e detrás das cámaras. Experiencia, capacidade de produción... Canles e plataformas viron unha oportunidade de negocio e nós encantados de acoller toda a produción posible e de seguir facendo un bo audiovisual. É un momento bonito, hai que consolidar Galicia como lugar estratéxico para a produción do audiovisual. Madrid e Cataluña foron os dous grandes hubs audiovisuais do noso país e Galicia ten ventaxas estratéxicas para convertirse nun terceiro. Ten todos os factores. Gustaríame que iso non fose unha moda pasaxeira, e que dende as Administracións sigamos loitando por iso.