En Inglaterra os faros dependen da Trinity House, organismo que hoxe ten abertos sete deles ós visitantes. Todos contan cun Visitor Centre que convidan a entrar: «Visite un dos sete centros que abrimos ó público e experimente por si mesmo os lugares espectaculares dos que gozaban os fareiros», traducimos do seu web. Danlle tanto valor os ingleses ó mundo dos faros que existe unha asociación de torreiros (https://alk.org.uk/) que se ofrece como guía e anuncia eventos periódicos.
Danlle valor en todas partes menos aquí. Ignoramos de quen é a culpa de que o de Fisterra leve un lustro fechado e o de Camariñas vaia por ese camiño. Non se comprende que aínda non haxa un proxecto oficial para un aproveitamento de todo tipo (didáctico, cultural, turístico...) para estes dous faros de primeira orde universalmente coñecidos. As Administracións deberan implicarse. No do Vilán dérase o paso para abrir un museo, de momento único, que servía para explicar o mundo fareiro, os naufraxios, a navegación... Que vai pasar con el? A defensa e posta en valor dos faros non só atinxe ós concellos nos que se sitúan, senón a toda Costa da Morte.