Tanxugueiras

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

28 ene 2022 . Actualizado a las 08:37 h.

Non se vai dar o caso, pero ben me gustaría que un dos moitos efectos multiplicadores da potentes Tanxugueiras fose a recuperación da chamada microtoponimia. Os nomes dos prados, as leiras e os montes. Hai Tanxugueiras en Viana do Bolo, en Catoira, en Dodro ou en Riós, e seguramente en moitos máis sitios. O que non hai é grupos internacionais que collan os nomes dun cacho de terra, cacho que tanto representa e representou para a colectividade máis inmediata durante séculos. Como eu non entendo do tema, aínda que me gustaría, a tanxugueira é outra maneira de chamarlle ás teixoeiras (lugar de teixos ou porco teixos), moi abundantes en Galicia, non só na microtoponimia, tamén na toponimia. Non hai máis que ir a Buxantes, en Dumbría, por exemplo. Non lonxe da casa de Zas tamén temos unha das boas, pero nunca lle chamamos así: dou fe de que sempre que sementamos o millo, por maio, os porcos teixos asexan con gran constancia e experiencia e bulan con abraiante profesionalidade na busca de vermes; iso si, levando por diante as raíces do cereal. Igual que agora os raposos xa non son o que foron de cara aos galiñeiros e case vén comer da man á porta, algún día gustaríame atoparme cun deses teixos para lembrar (eu) os anos nos que prendiamos cachelas para espantalos: seguro que os actuais son herdeiros como eu o son de meu avó, con quen facía aquel lume. Sen éxito.

Esas son as nosas teixoieiras, as teixugueiras ou as tanxugueiras que fan mover a Terra como onte se moveu a de aquí co tremor ese do Barbanza. Tanxugueiras como se fosen camposas, telleiras, sobreiras ou agrelas, nosas sempre.