O modelo educativo da regueifa divúlgase en Europa cun Erasmus+

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Unha das sesións levadas a cabo en Madeira, Portugal
Unha das sesións levadas a cabo en Madeira, Portugal

IMPROVISACIÓN ORAL | A primeira saída deste proxecto foi á Illa de Madeira, en Portugal

26 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«O modelo educativo da regueifa e a improvisación oral en verso, creado polo Proxecto Regueifesta, está a ser divulgado a través dun proxecto Erasmus+ en diversos paraíses europeos», sintetiza o profesor Manuel Maseda, exdirector do instituto de Baio, sobre esta iniciativa que teñen entre mans. Ao mesmo tempo, estase a facer un estudo sobre boas prácticas en centros educativos e entidades. A coordinación do proxecto faise dende o CFR de Vimianzo, participando o colexio Labarta Pose (Baio), IES Maximino Romero (Baio), o IES de Milladoiro (Ames) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Neste Erasmus+ faranse vistas de observación e intercambio de experiencias con centros educativos e asociacións culturais de Iparralde e Córsega (Francia), Tortona (Italia) e Madeira (Portugal): «Con este programa preténdese dar a coñecer o panorama actual da improvisación oral en Europa, a súa vertente educativa en valores e mais difundir o estado das distintas manifestacións do repentismo nos centros e asociacións dos países participantes».

Nesta pasada semana comezou xustamente a primera visita, e foi a Madeira (Portugal), polo que cinco docentes do proxecto se desprazaron catro días ata a illa. Con entrevistas e gravacións farase un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo neste espazo: «O obxecto é a creación e desenvolvemento dun proceso no coñecemento, valoración e difusión do noso patrimonio inmaterial en irmandade con outras manifestacións artísticas similares. Un recoñecemento emocional da riqueza da nosa regueifa como impulsora e dinamizadora educativa, social e cultural», indican.