Revolución do asociacionismo no rural

xosé maría varela

CARBALLO

ANA GARCIA

O Monte Branco inspirou, hai xa corenta anos, un movemento cultural único

17 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha aldea singular da Costa da Morte festexa 40 anos de letras, de música, de teatro e dunha aposta decidida pola cultura galega. O Monte Branco inspirou, hai xa corenta anos, un movemento cultural que revolucionou o asociacionismo rural. Ocorreu nunha aldea chamada O Couto, un pequeno lugar ubicado na franxa imaxinaria que separa o mar da terra, onde o insigne Eduardo Pondal tivo o seu primeiro encontro coa auga bendita. Aquí naceu a Asociación Cultural Monte Branco, con poucos medios, pero con moitas ideas e máis ganas aínda. E hoxe forma parte tamén desa paisaxe.

O Couto é unha aldea atípica de non máis de oitenta casas, unha especie de aldea de Asterix no concello de Ponteceso.Se cadra por estar, administrativamente algo soíños, afixémonos a desenvolvernos por nós mesmos. Tamén puido ser pola herdanza cultural dos avós que temos mortos ou do alento de don Eduardo Pondal. Ao longo de corenta anos, a aldea do Couto, en perfecta simbiose co entorno, demostrou unha capacidade pouco habitual para ir adaptándose aos tempos, para construír un teito primeiro —A Casa dos Veciños— e para enchelo de contido antes, durante e despois. Esforzámonos por manter un extenso programa de actividades para goce veciñal ou da poboación dos arredores.

Actividades permanentes todo o ano: danza ou música tradicionais, teatro, bailes de salón, charlas ou xornadas de agricultura, marisqueo ou saúde. Proxeccións de cine en galpóns ou visionado de documentais. Saídas culturais e de lecer, publicacións de revistas e de libros. Tamén todos os anoS, sen escusas, chega o tradicional belén con textos e música en galego. Recuperamos con forza o entroido, con coplas, enterro e comparsas, seguindo a tradición do lugar.

JOSE MANUEL CASAL
 

O milagre das Festiletras. A Festa das Letras (O Festiletras), a nova marca suxerida polos máis novos, que nos deu sona máis aló do local: a homenaxe a escritores vivos, o compango das letras e máis artesanía co adubo da música e do teatro. O Couto é un lugar imprescindible na historia recente da literatura galega, e aquí ocupan un lugar para a posteridade persoeiros como Manuel María, Xosé Neira Vilas, Bernardino Graña, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Novoneyra ou os vellos regueifeiros entre ducias deles e delas. 

As artes. A Feira da Artesanía acompáñanos todos os domingos do Festiletras. Artesáns e artesás chegados desde todos os puntos de Galicia amosan as súas creacións. Desde hai cinco anos complementamos as edicións do Festiletras con intervencións artísticas nas paredes degradadas da aldea cos máis destacados muralistas que deixan a súa pegada pintando en directo durante os días do evento. 

O Festiciencia. Tamén o Festiciencia, a feira científica que xunta a moitas ducias de rapaces e rapazas da contorna, os programas divulgativos de radio, obradoiros e mestizaxe coas letras. Un encontro para o fomento da ciencia e da tecnoloxía fomentando as vocacións e a curiosidade científica. 

ANA GARCIA

Sonoridade. Os máis grandes artistas e músicos de Galicia pasaron polo Festiletras. Mesmo algún deles, como Carlos Núñez, lembran a aldea do Couto como o primeiro escenario para a súa presentación. A nómina de grupos non ten desperdicio: Milladoiro, Leilía, Mato-Congrio, Mercedes Peón, Budiño, Baiuca, A Quenlla, etcétera. E tamén os grupos de gaitas e danza tradicional da Costa da Morte: Castro Meda, Arume, Raigañas, aínda que tamén se achegaron as terras de Pondal outros da xeografía galega como Xiradela ou Xacarandaina. Engadiremos o apadriñamento do primeiro disco Rock na Costa da Morte ou o recente Pasacabanotes. Unha intervención de música tradicional que fai un percorrido polos elementos etnográficos da aldea. 

Simposio Pondaliano. Desde o 1995 honramos a memoria do bardo cun simposio anual, onde os mellores especialistas debullan e descobren fitos biográficos e literarios de Pondal: Manuel Ferreiro, Vitor Freixanes, Darío Xoán Cabana, Yolanda Castaño e outros. Aquí naceu o xermolo para a constitución da Fundación Eduardo Pondal. A recuperación da vella reitoral como sede veu ampliar o abano de espazos culturais da Aldea do Couto. 

Harmonía. Nos dous espazos culturais a Casa dos Veciños e a Casa do Cura conviven en harmonía a Coral Oliveira de Monte Branco, a Agrupación Inllar de música tradicional, A Casa da Muller ou o tristemente desaparecido Festival ConVdeValarés. 

ANA GARCIA

Sementeira. Todos os días do ano lévanse a cabo actividades de formación para a infancia, xuventude e maiores: Escola de Verán, Escola de Inverno, Campamentos de Semana Santa, Aulas Científicas e Tecnolóxicas. E para os maiores a Universidade Rural Aldea do Couto ou A Casa da Muller con propostas artesanais, consellos de saúde, actividades físicas, teatro ou saídas culturais. Chegamos a percorrer vilas e cidades berce dos nosos escritores: Celanova, Rianxo, Mondoñedo, Lugo ou Castro de Rei. Cada verán recibimos campamentos infantís de diversas localidades e un campo internacional de voluntariado que alegran o día a día da aldea e mesturándose coa veciñanza e traballando co noso voluntariado no adecentamento de espazos para o Festiletras.

Bos e Xenerosos. A organización das diferentes agrupacións cre que as homenaxes deben realizarse cando o autor ou autora estean vivos para poder gozar en vida deste premio. Entre outros Isaac Díaz Pardo, Neira Vilas, Avelino Pousa, Mercedes Peón ou Guadi Galego reciben como recoñecemento un busto coa efixie de Pondal. Ademais, nos últimos anos entregamos o recoñecemento de Literatas a diferentes mulleres da Costa da Morte que deixaron a súa pegada a través da versificación, da música ou da memoria.

Premios. Todo este traballo e esforzo comunitario tróuxonos os recoñecementos do Premio da Cultura Galega, de Bergantiñán do Ano, da Costa da Morte, o premio Agader e o galardón da Federación de Mulleres Rurais. Pero o principal logro d do Couto foi a capacidade de achegarse a grandes homes e mulleres da cultura e literatura sen perder de vista a aquelas persoas que fan un labor diario e intenso, pero calado. Para todas esas persoas que teñen vivido a Festa das Letras en moitas edicións, un concerto folk, unha actuación de Carlos Blanco antes de que os monólogos fosen invento da tele, unha película nun galpón, unha Escola de Verán polos cabanotes, unha homenaxe ás orquestras de Bergantiños, unha regueifa, unha ofrenda a Pondal, unha sesión do Simposio, unha comida cos artesáns, unha conversa con Manuel María, tute na Casa dos Veciños, un baile nun día de tronos... todo o que se poida dicir é pouco.

BASILIO BELLO

Novos tempos e tamén novos retos para o futuro 

Na actualidade, a nosa realidade sociodemográfica, con debilidades polo gran envellecemento da poboación e a falla de emprego para a xente nova, reclama actuacións urxentes e innovadoras nas que o noso patrimonio arquitectónico ou natural xoguen un papel central. Contamos coa fortaleza da nosa situación entre os principais portos de Bergantiños e a un paso das cidades de A Coruña e Compostela. O camiño dos Faros percorre quilómetros da nosa parroquia. Temos importantes recursos patrimoniais que propician unha interesante oferta turística. Dos espazos da vella reitoral deberán saír os proxectos que empurren as nosas fortalezas. A Casa dos Veciños deberá acoller novos usos cunha fundamental transformación en espazo interxeracional de albergue, coworking, Casa do Maior, aloxamento das diferentes agrupacións musicais que convivimos na aldea e espazo de lecer.

Cómpre recorrer ao estudo realizado hai uns anos pola Fundación Juana de Vega co apoio da Consellería de Medio Ambiente que marca as innumerables posibilidades de recuperación agrícola, a recuperación dos nosos regachos troiteiros agora contaminados de purín, as inmensas posibilidades do esteiro do Anllóns, as fermosísimas praias, a animación da fervenza da Brixería ou do castro de Cerezo, ou os camiños lendarios á sombra do poeta que conforman un abano de posibilidades que cunha atinada intervención e co noso aval de corenta anos pode supoñer un interesante reclamo. 

Proxectos de futuro

Cómpre tamén a execución destes proxectos de futuro que realcen o patrimonio local e o orgullo de vivir ou investir na localidade. O incremento da oferta de emprego co fin de fixar á poboación nova a través de novas ou vellas fórmulas de empregabilidade. Insistiremos moito na implicación da poboación local nas diferentes actuacións: edificando con sentidiño, tratando axeitadamente os residuos, cunha agricultura e gandería con moita lóxica, coa recuperación de regatos, camiños e monte.

O aproveitamento dos recursos económicos e humanos, co apoio das diferentes administración que faciliten a rexeneración económica a través de diversas melloras económicas, a formación da mocidade local ou a que queira asentarse aquí para emprender a nosa transformación, sen esquecernos dunha boa estratexia de márketing, deberán supoñer a nosa consolidación como aldea das letras, das artes e da vida.