Plumas con mando, por Román Rodríguez: Unha Galicia rural e moderna

Román Rodríguez González

CARBALLO

EDUARDO PEREZ

Escribe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade | A regueifa permite achegar o uso do galego e a mellora da oratoria á xente nova

10 ene 2022 . Actualizado a las 23:45 h.

Compartimos nas últimas semanas o entusiasmo polo fenómeno Tanxugueiras, no que este grupo de mozas se atopan nos máis altos cumes da popularidade grazas á evolución da música tradicional en lingua galega. Seguindo en boa medida o seu ronsel soaron onte en Carballo novos temas, novas rimas chegadas de concellos moi distintos de Galicia coa pretensión de que o público da regueifa sexa un público novo, xente moza, rural e tamén urbana, rapaces e rapazas, homes e mulleres que interpretan a actualidade dende un «desafío tradicional en verso» que está a vivir momentos de esplendor.

Por iso na Xunta de Galicia apoiamos e aplaudimos esta primeira edición dos Premios Galegos da Regueifa que promove La Voz de Galicia, co patrocinio tamén do Grupo Calvo, na capital de Bergantiños, berce da regueifa e tamén a comarca onde máis porcentaxe de galegofalantes hai na poboación, segundo acredita o Instituto Galego de Estatística. Regueifeiros xa experimentados xuntáronse por unhas horas no Pazo da Cultura cos que comezan. E son estes segundos nos que me gustaría determe brevemente.

Como conselleiro de Cultura Educación e Universidade quero destacar o potencial desta arte para as aulas: a presenza da regueifa no ensino proporciona un campo de experimentación e unha oportunidade para achegar ao uso da lingua galega e a mellora da oratoria á xente nova. Velaí o exemplo do instituto Marco do Camballón, en Vila de Cruces, onde se imparte xa unha materia optativa de regueifa e improvisación oral en verso.