Os Reis do Couto

Asociación Cultural Monte Branco

CARBALLO

ASOCIACIÓN MONTE BRANCO

06 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Corenta anos para instaurar na aldea do Couto, a través da Asociación Cultural Monte Branco, a fermosa tradición da chegada dos Reis Magos o día 6 de xaneiro. A nosa celebración sempre foi un acontecemento de proximidade coa veciñanza.

Antes de que abrise o día, uns reis madrugadores aos que os nenos non identificaban, acompañados do voluntariado mozo, recollían na casa de Pailetes os regalos que previamente deixaran os seus proxenitores. Despois íanos deixando nas casas de todos os nenos da aldea. As caras adurmiñadas daqueles neniños e neniñas (aos que aínda hoxe lles podedes preguntar) amosaban unha tremenda felicidade.

A nosa celebración non seguía o modelo dunha cabalgata vilega ou urbana (nin dinámica, nin estática, pero si humana), partía da enxebreza dos Reis transportados en carros do país co adorno das palmeiras que o señor Anselmo (o bedel daquela do colexio Vilar Palasí) podaba a primeiros de xaneiro. Carros con vacas ben xunguidas dos de Hilario, Varela, Pailetes ou Magdalena de Capitán. Chegaron a vir desde Carballido. Os magos participaban nunha abarrotada igrexa parroquial no belén vivinte que ampliaba a escenificación do día de Nadal co castelo de Herodes e a chegada dos Reis Magos. Sempre co texto en galego e coas correspondentes panxoliñas. O papel de Reis éralle encomendado a veciños da parroquia que ían rotando todos os anos. O acto central era no Quinteiro, no camión escenario do señor Vicente.

A tradición continuou durante todos estes anos con representacións e actos públicos na Casa dos Veciños ou diante da igrexa parroquial, coa colaboración de diversas casas comerciais e sempre cos mandís ou pizarriñas e iougures de Xaquín, o da Asturiana, sempre había, e hai, unha bolsiña para todos.

Posiblemente o acto máis entrañable eran e son as visitas dos Reis polas casas dos maiores imposibilitados pola enfermidade, onde os Magos se achegaban ao cuarto do doente. Que emocionante!

Este ano, polo motivo coñecido por todos, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán a todas as casas da parroquia en coches conducidos por persoas convivintes. Na porta da casa, sen contacto físico, deixarannos unha bolsa cunhas lambetadiñas, leite, iogures e plátanos solidarios con La Palma e un almanaque con imaxes da parroquia. E, para todos os nenos que naceron en San Tirso de Cospindo, haberá un libro ou un CD de música en galego para que, vivan onde vivan, non esquezan a aldea dos avós. Non faltará tampouco unha ducia de bombas nin a música de Xa Era Hora.

O noso agradecemento para as institucións e casas colaboradoras e tamén para o voluntariado que goza enormemente dun día tan especial sabedores de que, con moi pouco, podemos facer felices a moitas persoas.