Lupe Blanco: «Será unha boa oportunidade de ver a regueifa actualizada, a súa evolución»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A regueifeira coristanquesa celebra a iniciativa de La Voz de Galicia de promover un acto en torno a esta tradición. Anote cita: 8 de xaneiro, no Pazo da Cultura de Carballo, Premios Galegos da Regueifa 

31 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Bergantiños ten unha cultura centenaria, milenaria. Nela está sen dúbida incluída a regueifa, dun tempo a esta parte proxectada cara ao futuro por voces coma a de Lupe Blanco (Coristanco, 1980). Foi quen de volver poñer na vangarda algo que parecía do pasado e, aínda máis, de procurarlle forza nova e de facelo en clave de muller, sen perder as melodías dos vellos regueifeiros bergantiñáns. Lupe está a ser un bo apoio na organización dos Premios Galegos da Regueifa, unha iniciativa de La Voz de Galicia prevista para o vindeiro 8 de xaneiro, no Pazo da Cultura de Carballo, apoiada pola Xunta e grupo Calvo, coa colaboración do Concello carballés. Precisamente despois dunha mañá de regueifa por Vigo, conversaba Lupe onte sobre este acto.

—Que opinión lle merece este primeiro festival de regueifa?

—Paréceme unha idea estupenda. A regueifa ten o seu berce aquí, en Bergantiños, e está moi ben que se fagan actos así en torno a ela, contando con ela, ir dándolle o seu lugar. Paréceme unha moi boa proposta para que a xente vexa a evolución da regueifa ata o día de hoxe. Agora cantamos as mulleres, os rapaces tamén se botan a regueifar e danlle un toque máis actual... Para a xente de aquí de Bergantiños que só tivo ocasión de coñecer a forma de facela tradicional, será toda unha oportunidade de ver regueifa actualizada nos tempos que corren, esa evolución que digo.

—Imparte obradoiros de regueifa en moitos centros educativos.

—Traballamos a través da Asociación Oral de Galicia, que ten a súa sede en Valadares (Vigo). Leva máis de 25 anos, tamén facendo obradoiros, sobre todo pola provincia de Pontevedra, que foi na que as institucións se animaron máis a apoiar a regueifa. Vimos de facer uns talleres a través da Deputación pontevedresa nun total de 41 centros. Facemos todos os anos un certame e xuntamos máis de 500 rapaces para ver cal é o centro que mellor regueifa.

—Pontevedra vai avanzada, logo.

—Algo de vantaxe con respecto a Bergantiños, si. Pero alí tamén é onde máis regueifeiros hai agora mesmo, está a asociación que tira... Por iso é tan importante que en Bergantiños non se perda este xenio da improvisación e, sobre todo, incidir en que ten calidades para achegala aos máis novos, aos colexios: trabállase poesía, ritma, imaxinación, rapidez, fluidez, intervención en público...

—Por aí se debería comezar? Que papel poden xogar estes Premios?

—É un graíño de area que empezamos a poñer. A casa haina que empezar polos cementos. Está moi ben que se comece a valorar parte da nosa tradición. As autoridades, ademais de valorar a regueifa como un xénero de improvisación case en desaparición, deberían velo como algo que se pode traballar no ámbito educativo. No País Vasco, o traballo dos bertosolaris chega a ser unha materia nos centros educativos. Creo que se debería pensar.

—Con eses obradoiros anda movéndose por toda Galicia?

—Exacto, dende a Mariña Lucense a Vigo, Chantada, Xinzo de Limia... Estamos moi repartidos e a acollida dos rapaces é moi boa.

—E saíu de Galicia coa regueifa. Aí está, como di, o País Vasco.

—Niso lévanme ben máis vantaxe Suso e Antonio de Xornes [os outros dous grandes referentes da regueifa en Bergantiños actualmente]. Eles teñen percorrido moito por fóra de Galicia, teñen ido a centros galegos en Suíza, a Mallorca, a outros puntos de España, non hai moito á Sorbona, en París... Agora, ultimamente, nós empezamos tamén a ir bastante a fóra, sobre todo centros galegos do País Vasco. En maio, reunirémonos en Cataluña improvisadores de toda España: 12 horas de glosa, que lle chaman.

BASILIO BELLO

—Hai cousa de cinco anos que vén traballando máis intensamente nisto da regueifa. Cando comezou esperaba tal evolución?

—Empecei case sen contalo, dun xeito bastante improvisado, como a propia regueifa [ri]. Nunca contei con poder traballar disto, cantar en tantos sitios, andar por toda Galicia levando a regueifa ás escolas... Iso foi un acontecemento, estase a facer un bo traballo. Procuro dar a coñecer a regueifa alí a onde vou, e digo que é de aquí, de Bergantiños.

—Que cre que dirían seu avó, Blanquiño de Muíño Seco, e outros vellos regueifeiros de Bergantiños, se visen o que hoxe se fai?

—Supoño que alucinaría! Faríao vendo a día de hoxe a rapazada nova que se mete a regueifar, ou vendo a mulleres facelo... Sería impensable naqueles tempos, o propio Calviño de Tallo dicía que, cando eles morreran, isto desaparecería... Así que o feito de que haxa algún relevo, ou polo menos que haxa interese, penso que os aledaría moito. Iso si, seguro que eles lles contestarían duramente!

«Particularmente gústame moito que se vexa a unión entre os que regueifamos»

Aínda fican na memoria esas competicións entre regueifeiros que ten habido na comarca bergantiñá, onde o mellor levaba «a boneca». Algo daquel espírito haberá neste festival promovido por La Voz de Galicia para o día 8.

—Que pode avanzar deses rapaces novos que virán a Carballo?

—Un dos meus alumnos, que é moi seguidor da regueifa, de 17 ou 18 anos, virá dende Burela. Christian é un fanático, encántalle. Tamén virá outro rapaz noviño, do centro da Coruña, que é rapeiro. El fai improvisación, pero está afeito a facelo co rap, en estilo libre. Causoulle moita graza isto da regueifa, así que ata aquí virá, á tradición e aos orixes.

—Suso e Antonio de Xornes son, doutro lado, xa uns referentes.

—Si, dende logo, aínda que hai xente moi potente que, se ben non quere subir aos palcos, sabe regueifar moi ben. Na zona de Cabana, de Laxe... Fano en petit comité. Ignacio, do lugar de Coéns, una muller en Riobó...

—Pois esta cita pode ser un alento.

—Eu insistín en que a xente se anote, que é algo para pasalo ben, para demostrar o que podemos facer coa regueifa, para aprender uns dos outros, ver melodías, ver como se sae dos temas... Máis que a competición, gústame moito se vexa a unión entre os que regueifamos.

—Que require a regueifa?

—Importa a destreza, o non ter reparo en subir a un escenario, pero logo vai moito coa personalidade de quen regueifa. Contestar dese xeito rápido e improvisado é contestar o que estás pensando... Enxeño, graza, botados para adiante, ideas...

—Pode vivir só da regueifa?

—Xa me gustaría! Hai arreóns de moito traballo, días en que estou en tres provincias, pero compaxínoo con ser monitora deportiva. A miña idea sería acabar traballando exclusivamente con ela, iso si.