O Batallón da Costa da Morte venceu na memoria literaria

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

O Parador de Muxía acolleu un recital polos 25 anos deste colectivo referente na cultura galega

19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vintecinco anos pasaron dende que o Batallón Literario Costa da Morte se fundou nunha cafetería de Cee. Un cuarto de século da creación de alento común que derivou, ademais de noutros xéneros, en poesía vanguardista, innovadora, atrevida. Aínda hoxe garda esa forza, a xulgar polo recital de 25.º aniversario que para onte promoveu o Parador Costa da Morte de Muxía, co apoio da Consellería de Cultura. Ben se viu en intervencións coma a de David Creus ou na actualidade que sempre poden ter poemas daquel tempo como o Aquel verán dixeches que me amabas, de Modesto Fraga. Nerium, Marilar Aleixandre, Estevo Creus, Concha Blanco, Mónica Góñez, Miro Villar, Rafa Vilar, Serxio Iglesias...

Resoaron as súas voces no salón Santa María da Atalaia, co feitizo musical de Manoele de Felisa e a presentación de dous traballos nos que tamén colabora a Xunta: unha edición facsimilar de Feros Corvos e unha antoloxía poética preparada por Teresa Seara. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, sinalou que o Batallón foi clave para a dinamización cultural e o prestixio da lingua. Contribuíu, afirmou, a converter Galicia na potencia poética e literaria que hoxe é. Fíxoo dende unha comarca ben afastada (máis aínda naquel entón), levando a poesía á rúa. Pesou a palabra.