Onde están os patriotas?

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

22 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ti eras da Galicia profunda hai unhas semanas. Tamén eu e máis o veciño. Todos éramos da Galicia profunda. Se me descoido, tíñamos un sentimento de patriotismo pola nosa terra, subindo fotografías e enchéndonos o peito dunha forza entre superflua e redundante. Agora, cando os gandeiros e os agricultores empezan unha rolda de manifestacións a prol de prezos xustos, sequera non ter perdas e non darlle lucro a terceiros, reina un silencio sepulcral. Esquecemos que a Galicia profunda, termo co que difiro, está repleta de xente que loita cada día para levantar o país e ofrecernos produto nacional de calidade. Eles parecen hoxe en día foráneos na súa terra cando a maioría da xente foxe do sector primario cara o sector servizos e á cidade. Ás veces, continúan por amor a aquilo que os representa, pola súa idiosincrasia dado que, verdadeiramente, é inadmisible aguantar a subida dos custes directos e indirectos sen unha proporcionalidade nos prezos.

Eu sei que marca elixir cando vou a coller un cartón de leite ao estante. Todos aqueles que se enchen a boca falando da Galicia profunda deberían sabelo e non coller certos bricks de empresas que ou ben explotan as nosas granxas ou ben compran a países como Francia, depreciando así o noso produto interior bruto. O patriotismo é unha arma de dobre fío. Un pode crerse o máis patriota, a persoa máis comprometida cunha causa ata caer no fanatismo. Non obstante, o verdadeiro orgullo dun cidadán polo seu territorio reside na súa forza por facer mellorar as cousas e refrendalo con actos reais. O día que como galegos teñamos a autoestima suficiente para facernos valer, seremos capaces de escoitar termos pexorativos sen pudor nin falsa carraxe.