Última hora
Sánchez suspende su agenda para reflexionar si renuncia a la Presidencia tras la denuncia contra su esposa

A Fundación Pondal expresou o seu pesar polo pasamento do escritor Darío Xohán Cabana

La Voz CARBALLO / AGENCIA

CARBALLO

Xohán Cabana, na Fundación Eduardo Pondal
Xohán Cabana, na Fundación Eduardo Pondal JOSE MANUEL CASAL

A participación do poeta lugués nas actividades do Couto remóntase xa a mediados da década 90

18 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso expresou onte o seu pesar polo pasamento do escritor Darío Xohán Cabana, un dos moitos autores galegos que mantivo unha estreita colaboración coa entidade pontecesá. A participación do poeta lugués nas actividades do Couto remóntase xa a mediados da década 90, cando en 1995 foi homenaxeado na Festa das Letras Galegas. De feito, nunha carta remitida por aquel entón á asociación Monte Branco, Cabana dicía que «ese pequeno lugar de Galicia» sería escenario do máis grande «programa de orgullo e coñecemento nacional: unha aldea ensinando educación ás sete grandes cidades con todas as súas universidades, academias a outras tristezas». Dicía tamén o finado que «Eduardo Pondal rebentaría hoxe de gozo de ser de aí, o voso veciño».

Ademais doutras colaboracións, no decembro do 2010, Darío Xohán Cabana poñía o peche a unha nova edición do Outono Pondaliano, á que foi disertar sobre De Pondal a Novoneyra, ademais de manter contactos e encontros con estudantes durante a xornada.

Pero non foron estas as únicas ligazóns de Darío Xohán Cabana coa Costa da Morte, pois nos anos oitenta chegou a ser garda municipal no Concello de Corcubión, onde tivo que pasar o desagradable trance de ser testemuña da detención de Man, o Alemán de Camelle, denunciado de forma inxusta e que tivo que estar un tempo arrestado no depósito de corcubionés.

Por outro lado, tamén exerceu como pregoeiro das Festas do Cristo de Fisterra. Foi no ano 1992. Cinco anos máis tarde tamén daría o pregón da Feira do Libro de Carballo. Na capital de Bergantiños, o poeta de Cospeito centrouse, unha vez máis, na figura de Pondal, ao que definiu como «o talismán verbal da nosa patria».