«Desnortada», o novo de Rosalía Fernández Rial

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ESPIRAL MAIOR

A carballesa-muxiá vén de publicar un novo poemario, da man de Edicións Espiral Maior 

20 nov 2021 . Actualizado a las 22:49 h.

A carballesa-muxiá Rosalía Fernández Rial (1988) vén de publicar un novo poemario, Desnortada. Da man de Edicións Espiral Maior na colección de poesía Alba Longa, chegará ás librarías a partir desta primeira semana de novembro.

Descrita como unha das voces máis reveladoras da poesía galega actual, Rosalía foi galardoada recentemente como autora do mellor poema 2020 no festival galego-portugués aRi[t]mar.

«Irmos até o fondo» da experiencia vital asociada a unha experiencia da linguaxe que se transmuta en música, corpo e beleza sensorial é o destino último desta nova obra da tamén narradora e ensaísta, avanzou Espiral Maior. Composto por 54 poemas, Desnortada é un libro con fotografía de portada de Vari Caramés, pero tamén un cedé, gravado no estudio de Manolo Dourado, que contén 8 poemas con voz da propia Rosalía e composición musical e interpretación ao acordeón a cargo de María Álvarez.

A editorial, que cumpre 30 anos, celebra con este poemario, veu a dicir, unha vida dedicada particularmente á poesía, e disposta a encarar con novos retos e formas «un futuro inmediato». Non han tardar en comezar as presentacións. Rosalía Fernández recoñeceuse moi agradecida. O maxín da Costa da Morte segue a navegar.