Crítica teatral do FIOT | «Andanzas y entremeses de Juan Rana»: A risa en verso

Santi Pazos CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Unha obra que evidencia que Ron Lalá precisa un cambio de rumbo

18 oct 2021 . Actualizado a las 11:28 h.

Eu gozaría poder vivir eternamente con esa íntima sensación que Modesto Fraga describe nestes versos de Adagio por outono: «A túa pel tan suave é a caricia / que ansío ter nas noites de outonía, / o saboroso celme de alegría / a ensalitrada man que me acaricia».

Mais, polo xeral, esa idílica inercia de buscar un paraíso sempre me levou a sufrir tempos dominados pola ironía desta greguería de don Ramón Gómez de la Serna: «En el billete de ida y vuelta tememos que nos perforen la vuelta en vez de la ida, obligándonos a volver al revés, comenzando a ir otra vez para poder volver de nuevo».

E igual que co meu devir teño este tipo de contradicións, con Ron Lalá pásame algo parecido. Non sei se a ese estilo, onde recuperan a métrica clásica da mellor poesía satírica, lle picaron o billete de volta e teñen que cambiar de rumbo para comezar de novo, se inexorablemente de éxito tamén se morre, ou se de non cambiar de rexistros languideces sobre un pedestal que os ventos corroen sen piedade. Non fago gran descubrimento se lles digo que parecerse demasiado a un mesmo pasa de ser virtude a pecado sen decatarnos que os tempos mudaron.

Sei, porque o seu director, Yayo Cáceres, confirmouno o sábado, que esa reflexión non só é unha percepción miña, xa que no novo proxecto que están argallando farán cambios substanciais sen perder, por suposto, as «esencias ronraleras», unha loita permanente para que «a risa non morra enferma de seriedade».

Andanzas y entremeses de Juan Rana é unha obra baseada nun cómico que tivo gran éxito no Século de Ouro para quen escribiron dramaturgos como Calderón de la Barca e que, acusado de sodomía pola Inquisición, saíu indemne grazas a protección de poderosos amigos. Espectáculo que mantén esa liña de crítica ácida e desenfadada sobre todo tipo de corruptelas, abusos de poder e convencionalismos sociais, e que profunda na dificultade que o humor, a sátira, e incluso o escarnio de ser preciso, tiveron na historia e teñen na actualidade.

Supoño que para quen os vira por primeira vez sería un descubrimento extraordinario. Música en directo, ritmo trepidante, ocorrentes, divertidos, próximos, populares e cultos a un tempo, simpáticos e luminosos. Eu aplaudo esa disposición, a dos artistas para provocar esa chea de gargalladas, e a do público por mirar e escoitar engaiolado chanzas e chacotas que lle fixeron pasar momentos ben divertidos.

Agora ben, os que miramos dende a memoria e vemos o camiño que ten percorrido Ron Lalá dende Mundo y final ata os xeniais Siglo de oro, siglo de ahora, En un lugar del Quijote ou Cervantina, intuímos que neste Juan Rana abusan da «rondalla» e dese ton de tuna resabida que a min tanto me desagrada. E penso que, sendo Álvaro Tato un autor admirable, non atina aquí con esa rima, que noutras ocasións era capaz de elevarnos a momentos de alta creatividade lírica.

A risa e a protesta

Por outra parte, penso que a representación escénica que vimos onte ten un defecto pouco comprensible: os tempos, ritmos e composición que marcan movementos, música e voces, ían por momentos descompasados. Ir á présa entorpece, chegas antes pero esqueces as coordenadas do camiño polo que transitas.

Di Eduardo Moga en Los versos satíricos que tendemos a rir e a protestar, e ambos son aspectos fundamentais da propia condición humana, froitos dun longo aprendizaxe cultural. E eu, despois de ver esta obra de Ron Lalá, que só nalgún pequeno momento gocei, teño que insistir, como tantas outras veces fago, que nos procesos creativos, eses saltos sen rede nos que arriscamos vida e obra, conforman un camiño máxico do que nunca seremos capaces de desprendernos se os facemos con verdade.

Sen lugar a dúbida, Ron Lalá teñen un amor especial polo que fan, polo teatro cómico, pola música, por intentar transportar ao espectador a eses lugares onde un só verso provoca todas as risas do mundo, pero tamén é certo que a evolución social e cultural do ser humano, quizais por excesiva sofisticación, precisa de que os transmisores desa cultura muden os códigos de comunicación para poder entender os problemas deste cambiante mundo que nos toca vivir e padecer

Saúde y larga vida…