La Voz e RadioVoz convocan os XVIII Contos de Nadal

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O prazo para presentar as propostas remata o 30 de novembro

17 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

E dun concurso que apenas vén de iniciar a súa andadura, a outro máis que veterano que se aproxima a unha vixésima edición. La Voz de Galicia e Radio Voz veñen de convocar, por 18º. ano, o certame literario Contos de Nadal, ao que poderán concorrer rapaces do segundo ciclo de educación primaria dos diferentes colexios da Costa da Morte.

O prazo para participar está xa aberto, máis a remisión dos textos corresponde aos propios centros educativos. Poderán facelos chegar á delegación que La Voz de Galicia ten en Carballo, sita na seguinte dirección: rúa Gran Vía, 84, primeiro piso, 15100, Carballo. Tamén se poderán remitir en formato electrónico ao enderezo eventos.carballo@lavoz.es.

E cales son os requisitos para poder concorrer a este lonxevo concurso? Primeiramente, que o conto redactado non supere os 1.500 caracteres de extensión, o que equivale a dous folios, aproximadamente. Ademais, a historia deberá estar relacionada co Nadal: coa tradición, co imaxinario colectivo, coas lendas propias desta tempada, con historias persoais... E que é o que se lles pide aos pícaros? Que tiren de inxenio, que boten a andar a súa imaxinación e que se somerxan no apaixoante mundo da creación literaria, pois é ese un dos principais obxectivos que persegue este certame: o fomento da lectura e da escritura.

O prazo para a remisión de textos concluirá o vindeiro 30 de novembro, e será entón cando un xurado lea e avalíe separadamente cada unha das propostas recibidas ata dar cos dez finalistas, que recibirán un diploma acreditativo durante a entrega de premios. Ademais, os tres mellores recibirán, así mesmo, un agasallo. Nenos do CEIP Gándara-Sofán, do Joaquín Rodríguez Otero de Buño e do Mar de Fóra (Sardiñeiro, Fisterra), obtiveron o primeiro posto nos últimos certames celebrados. Como xa é costume, EDP Renovables e a Fundación EDP patrocinan este concurso, convocado por La Voz e Radio Voz. A participación foi, nestes últimos anos, moi elevada, recibíndose centos de contos de moi diversos puntos da Costa da Morte para a súa valoración por parte do xurado.