Boedo, dianteiro do Bergantiños: «Agora iremos a Madrid con confianza a pola vitoria»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

O carballés logrou co seu gol ante o Móstoles o primeiro triunfo para o equipo

12 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o minuto 91 nas Eiroas cando Alejandro Boedo Varela (Carballo, 1999) iniciou unha xogada pola súa banda, a esquerda, fixo un cambio de sentido para o costado de Lamelas, este doulla a Blas, que centrou raso ó punto de penalti para finalmente o interior zurdo rematar ó fondo das mallas. Foi o tanto que culminou a remontada fronte ó Móstoles, na sexta xornada da Segunda RFEF, e que supuxo o primeiro triunfo do Bergantiños logo de unha derrota inicial e catro empates. O dianteiro fichou esta tempada polo conxunto roxiño, procedente do Fabril de Terceira División. Xa estivera nas Escolas Luís Calvo e no Bergantiños dende os sete anos, ata que con catorce o fichou o Deportivo. Alí desenvolveu a súa carreira ata a pasada campaña, con experiencia en Segunda B co propio filial e co Marino de Luanco, ó que foi cedido. Tamén pasou polo Laracha cando este club estaba vinculado co Dépor, e mesmo foi convocado co primeiro equipo en Segunda, aínda que non chegou a xogar.

-O seu primeiro gol, primeiro triunfo do Bergan en Segunda RFEF. Nin nos mellores soños, non?

-Estaba desexando meter o primeiro tanto co meu equipo, e, ao darnos a vitoria, faino un momento moi especial.

-Este Bergantiños é o das remontadas, pois nos dous anteriores choques, sobre todo ante o Pontevedra, tamén lograron sacar algo en positivo nos últimos minutos. É quizais esa a clave, confiar ata o último momento?

-Son circunstancias que se deron así. O que está claro é que o equipo dá a cara todos os minutos, ata que pita o árbitro o final.

-O ideal, está claro, sería abrir o marcador. Este sábado, fronte ao Móstoles, entraron ben, pronto encaixaron ese tanto desafortunado, pero seguírono intentando aínda que sen xerar perigo. Segue faltando algo en tres cuartos de campo.

-Si, o ideal sería iso, a ver se o logramos pronto. Fronte ó Móstoles intentámolo en todo momento e non se deu ata o final, pero penso que o traballo está aí e as cousas irán saíndo.

-Foi o primeiro partido no que saíu dende o banquiño, pois foi titular nos catro primeiros, e non xogou o anterior. Foi chegar e encher, non só co gol, senón con esa xogada que iniciou por banda. Vía posible a remontada? O Móstoles foi quen creou máis perigo na segunda parte.

-Si, ao igual que todo o equipo, sempre creo. Dá igual que xogues titular ou non, ao final todos estamos para sumar. Hai que estar concentrado e a tope para aportar ó equipo.

-Pode ser esta a primeira vitoria de moitas? Tras un inicio duro, véñenlle varios rivais que tamén acaban de ascender, aínda que precisamente o Leganés é filial e a liga está moi igualada. Como ve vostede o arranque que firmaron e a competición en xeral?

-Penso que Segunda RFEF é outro mundo, non Terceira División, e todos os partidos son moi competidos, polo que gañar un custa moito. Entón, haille que dar valor a cada punto que se fai, moito máis a este triunfo e, obviamente, tratar de que detrás dela veñan máis.

-Con estes primeiros tres puntos e, sobre todo, saíndo dos postos de descenso directo, xa se afrontan a semana de traballo doutra maneira, non?

-Dáche esa tranquilidade que non tiñamos, sobre todo ao saber que o equipo pode ganar. Pero isto acaba de empezar e o único que hai que mirar é intentar gañar cada fin de semana. Entón, esta semana iremos a Madrid con confianza a pola vitoria.

-A nivel particular, como está sendo para vostede esta tempada co equipo do seu pobo?

-A verdade é que moi contento por poder estar aquí, intentando facer o que mellor sei, porque coñezo a moitos xogadores e iso axudoume, e ós que non coñecía, con todos estou moi ben porque hai un grupazo de persoas e profesionais. Ademais, regresei á casa, agora vivo aquí.

-Como se deu a fichaxe?

-Eu xa sabía que non ía continuar porque en ningún momento me fixeron proposta algunha máis nunca contei con moitas oportunidades ata o punto de non xogar co Fabril ao final. O Bergantiños dende o primeiro momento mostrou interese, entón estivemos en contacto e, ao final, era a mellor opción que tiña pola categoría na que está e o adestrador, máis onde mellor que na casa para tratar de facer un bo ano. De todos modos, nisto do fútbol nunca se sabe e nunca se poden pechar as portas.

-A pasada tempada fixo 5 goles co Fabril. Na presente, proponse algunha meta neste sentido?

-Nunca me obsesiono co gol porque creo que é froito do xogo. Se traballas e fas as cousas ben, os números deberían saír. Pero si que me quero esixir, e cantos máis poida meter, mellor.

-Que significa o fútbol para vostede?

-Agora estou centrado totalmente neste deporte. No tempo libre tamén fago as miñas cousiñas individuais para poder estar a tope.