FIOT | Touriñán, para rir non se precisan argumentos

Santiago Pazos

CARBALLO

ANA GARCÍA

Crítica teatral do FIOT | A propósito de «Aquí tou», a función que tivo lugar no segundo andar do Mercado Municipal

11 oct 2021 . Actualizado a las 20:51 h.

Aínda que a Xosé A. Touriñán non lle faltan, cando vou a un espectáculo seu quedo coa impresión de que non precisa de ningún esquema argumental para conseguir que o público escache coa risa. Só con saír a escena e poñer a man na fronte mirando ao respectable con aires de sorpresa e picaresca inxenuidade provoca estrondosas gargalladas.

A fórmula, así de primeiras, parece tan sinxela como difícil de acadar: Touriñán sempre fai de Touriñán e os seus seguidores e adeptos veñen da casa coa lección ben aprendida, conscientes de que mercaron unha entrada na que rir, rir e rir é un valor engadido asegurado. Os motivos non importan, dá igual que tire do pantalón para riba marcando paquete no papel de Manolo Lojo, que baile unha atolada muiñeira como Cantareira de Ardebullo, que toque a destempo a pandeireta como Mucha, que interprete a un narcotraficante en Fariña, ou calquera outro deses personaxes de Land Rover, Era visto, etc. etc.

E digo que é difícil de acadar, aínda que pareza sinxelo, porque é dos poucos actores cómicos que son capaces de crear un estilo propio que funciona coma un arquetipo inconfundible, con personalidade e características propias. Ponse á mesma altura de quen está a escoitalo dando a impresión de que improvisa aínda que teña todo controlado. O seu estilo prevalece sobre todos eses prexuízos que nos atenazan cando pensamos que cun sorriso perdemos esa compostura decorosa da corrección socialmente esixida.

Practica un humor de proximidade, popular, ás veces tabernario cun punto de picante sen excesos, conversando amigable e ironicamente cos espectadores como se coincidiran a diario para botar unhas risas intranscendentes, explosivo e ocorrente, seguindo un guión (en aparencia inexistente) que adapta ao seu antollo mentres calibra que reacción provoca cada chiste, cada gag. Nada que ver, dende logo, con esa historia que conta xente considerada culta sobre o humor intelixente, sobre Kierkegaard e outras lindezas.

Así e todo, este venres vino con menos axilidade que outras veces, máis lento de ritmo, como desexoso de trincar o anzol deses espectadores que están esperando a ocasión de ser enfocados pola luz e a atención do ídolo, (Xosé, que o científico non é de Vimianssso, que é de Baio!). Pequenas cousas que non desmerecen. Non se pode, nin se debe, ser excepcional todo o tempo por moito estilo que un gaste.

Eu tiven sorte, xa que por coincidencias insondables tiña sentados diante a dous irmáns, (curiosamente, fillos duns bos amigos), que gozaron de Touriñán coma ananos. Entendían perfectamente todos os rexistros cómicos e escénicos, as retrancas e os finais de gag en castrapo ou esas que quedan no aire para non dicir o que todo o mundo xa sabe. (Se é pecado pensar, peor será berralo a todo trapo). Así que entre confidencias fraternais e o bo facer do artista pasei unha noite bastante divertida.

Saúde y larga vida…