«Para entender o cambio climático non se pode ser parroquiano e só pensar en Galicia»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A LUZ DA CIENCIA DENDE O DOLMEN DE DOMBATE | O xornalista meteorólogo de La Voz Xavier Fonseca explica que o fenómeno Jet Stream é clave para entender moitos aspectos, como por que chove tanto na comunidade

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O xornalista e divulgador científico de La Voz Xavier Fonseca Blanco (Cangas, 1982) deu unha cátedra sobre o fenómeno Jet Stream no programa A luz da ciencia que promoven a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana no Dolmen de Dombate para achegar a cultura e a ciencia á poboación. As intervencións dos distintos poñentes, así como do coordinador, Jorge Mira, xa poden consultarse nas páxinas web e nas redes sociais de ambas institucións: www.dacoruna.gal e www.cabana.gal. Atendeu á chamada gozando dun día despexado en barco cos amigos pola súa terra, a ría de Aldán, para como el di, despedir o verán ou recibir o outono.

-Que tal foi a experiencia da xornada?

-Estivo moi ben, nun lugar impresionante do que xa tiña bos recordos relacionados coa astronomía.

-Iniciativas así son necesarias?

-Si, moi importantes, porque moitas veces a ciencia non é doada de explicar para que a xente a entenda.

-Que é iso do Jet Stream?

-Unha corrente de aire que para Galicia é moi importante porque no inverno está moi preto, xa que se move dende o oeste ó este, e trae da man as borrascas. Moitas veces os avións aprovéitana porque aforran tempo e combustible. Descubrírona os xaponeses na Segunda Guerra Mundial e empregárona como arma para bombardear os Estados Unidos.

-Inflúe no cambio climático?

-O tempo está moi tolo, como este verán, Filomena... A corrente estase debilitando e en vez de seguir a súa dirección habitual, fai meandros, como nos ríos, e provoca que cando na península hai un meandro ascendente, canaliza aire africano, e cando é descendente, aire polar. A península está moi exposta pola situación xeográfica.

-Que se pode facer para loitar contra este problema?

-Vagas de frío, temporais, torrenciais... Imos cara un clima máis intenso e extremo. Iso ten repercusións, xa non meteorolóxicas con fenómenos extremos, senón na economía, como na pesca e no campo, con secas que tivemos, por exemplo, e na saúde coas vagas de calor. Afecta a todos os sectores, pois. Ningún pode quedarse ancorado dos efectos.

-Prepara unha tese doutoral con todo isto.

-Na Voz temos un espazo no que estamos pendentes da actualidade, pero tamén, no que formamos ós lectores en distintos aspectos. Ao final, adquires un coñecemento que teño que darlle unha saída. Nela explico como hai que comunicar o cambio climático para que a xente o entenda, e a influencia de todo isto na historia da humanidade, porque o clima determinouna. Estou facéndoa cun físico da Universidade de Santiago. O meu primeiro artigo, que espero publicar moi pronto, é sobre a corrente en chorro.

-Este inverno viaxou á Antártida.

-Unha das cousas que fai falta para entender o cambio climático é ter unha perspectiva global. Non se pode ser parroquiano e só pensar en Galicia. Os polos son os que máis o están sufrindo. Alá foi o verán máis cálido da historia, cando non hai contaminación. No hemisferio sur está a suceder o mesmo que no norte, todo está conectado. Foi algo incrible poder vivilo e contalo. Aparte, pillei alí a pandemia.

-Non se aburre vostede!

-Ser meteorólogo en Galicia é a cousa máis divertida do mundo. Un cubano díxome que aprendeu moito aquí. O certo é que nun mesmo día pode haber as catro estacións, case, por iso sempre estou pendente do ceo. É unha ciencia que te engancha.

-Que outono nos agarda?

-Máis cálido polo quecemento global e máis seco dixo AEMET, pero pode haber sorpresas.