José María Aguilar y Vela, o arquitecto do instituto Fernando Blanco de Cee

Darío Areas

CARBALLO

Planos del IES Fernando Blanco de Cee
Planos del IES Fernando Blanco de Cee

CRÓNICAS DO PASADO | Escribe Darío Areas sobre a traxectoria deste profesional, con brillante pegada na localidade

25 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

De todos é coñecido o impoñente e maxestoso edificio do instituto Fernando Blanco, situado ao pé do ceense monte da Armada, así como a antiga Escola das Nenas, hoxe Museo, asentada nun dos extremos da Alameda de Cee. Ambas edificacións, inauguradas no 1886 e 1887, respectivamente, foron unha realidade grazas ás últimas vontades de Fernando Blanco de Lema, e xogaron un papel clave no desenvolvemento educativo e cultural da vila da Xunqueira. José María Aguilar y Vela, (Madrid, 1827-1899), afamado arquitecto da Academia e Catedrático de Topografía na Escola de Arquitectura de Madrid, foi o profesional elixido para plasmar en pedra o «dourado soño» do filántropo veciño emigrado en Cuba. Fillo de Francisco Xavier Aguilar-Anchía y Mendoza, capitán da Garda de Corps de Carlos IV, e de Lorenza Vela y Mayor, José María foi o artífice de numerosas obras que a continuación repasaremos.

En colaboración con Fernando Arbós y Tremanti gañou, no 1870, o concurso para a construción da Caixa de Aforros e Monte de Piedade, máis coñecida como Casa das Alfaias, obra de estilo ecléctico historicista de gusto italiano, situada sobre o solar que ocupou, ata o 1868, o convento de San Martín, ao carón da Praza das Descalzas de Madrid. O proxecto foi seleccionado porque foi o que mellor resolvía as dúas condicións que se esixían: que fose un inmoble illado para maior seguridade dos obxectos que se custodiaban, e que o salón de ventas ou almoedas tivera capacidade para 400 persoas. O resultado destacaba pola claridade da súa composición, distribuída en torno a un gran patio de operacións con soportes de ferro e cuberta de ferro e vidro, permitindo unha iluminación cenital.

Instituto Fernando Blanco de Cee
Instituto Fernando Blanco de Cee ANA GARCÍA

Xunto a Severiano Sáinz de la Lastra e a Eduardo Adaro y Magro, foi autor do proxecto do edificio do Banco de España, inaugurado no 1891, e que ocupou o solar do vello palacio do marqués de Alcañices situado na confluencia da Rúa Alcalá co Paseo do Prado, con vistas á Praza de Cibeles.. Esta obra, que sintetiza á perfección os dous caracteres propios do establecemento, o industrial e o de representación, é con frecuencia descrita como una das xoias da arquitectura española do século XIX.

Ademais da Casa das Alfaias e do Banco de España, as dúas obras de maior sona na súa carreira, son da súa autoría a reforma da madrileña igrexa de San Ginés de Arlés, na que levanta unha fachada de estilo neoplateresco; a capela do Mausoleo de Ramón María Narváez, un dos políticos mais influentes, xunto con Baldomero Espartero e Leopoldo O’Donnell, no reinado de Isabel II, e que se atopa en Loja (Granada), ou a construción da primitiva igrexa de Santa Teresa e Santa Isabel, en pleno corazón do barrio de Chamberí, igrexa que foi asaltada e incendiada no 1936, e posteriormente reconstruída polo arquitecto José María Garma Zubizarreta.

Entre o 1878 e o 1880 ocupouse da capela, Hotel Levante e Casino do Balneario de Archena (Murcia); no 1888 acometeu a construción do Teatro Salón Cervantes de Alcalá de Henares, un magnífico teatro que conserva a beleza e o esplendor daquela época, aínda que foi sometido a diversas reformas co paso do tempo, e no 1894, o Convento da Visitación de Santa María en Sevilla. Son de destacar tamén a restauración e ampliación do Observatorio Astronómico, o Colexio-Convento e a Capela das Escravas do Sagrado Corazón de Xesús, e un espléndido edificio de vivendas dos Duques de Prim, chamado así por seren os seus promotores, na Praza da Independencia, todos eles na capital do Estado. Mención especial merece o coñecido como Palacete de Mr. Arthur Byne de 1878, testemuña da arquitectura de palacios da zona, levantado nun dos primeiros rueiros que se construíron no barrio de Salamanca. Unha traxectoria envexable que deixou tamén a súa brillante pegada no Cee de finais do século XIX.