O Outono Pondaliano abrirá a sede da fundación pontecesá ao saber todos os días

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A voz de Irma Macías volverá hoxe á Fundación Pondal
A voz de Irma Macías volverá hoxe á Fundación Pondal BASILIO BELLO

Hoxe preséntase o programa de actividades, coa presenza da Xoven Banda de Narón e de Irma Macías

19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Novo curso escolar, novo tempo de aprendizaxe, malia que esta non se abandona nunca. Rematadas as 39.ª Festiletras, rematada a 39.ª Escola de Verán, non cesa a actividade da Fundación Eduardo Pondal, que esta mesma tarde dará a coñecer as propostas do denominado Outono Pondaliano, un ciclo que, xunguindo o empurre da Casa da Muller, a Universidade Rural Aldea do Couto e a propia fundación, permitirá que a sede pondaliana, a antiga reitoral de Cospindo, fique aberta ao saber todos os días, grazas ao voluntariado: de luns a venres, pero tamén o sábado e domingo.

Hoxe, ás 18.00 horas, ademais de expoñerse as propostas, entregaranse os carnés correspondentes e poderá gozarse do concerto da Xoven Banda de Narón, que chega ao Couto da man do programa autonómico Un país de bandas, co que se trata de recuperar a actividade destas formacións na comunidade. A estes talentos unirase ademais Irma Macías, a voz de Luar na Lubre.

Sendo aínda tempos de pandemia, cómpre adaptarse en canto a organización. O Outono Pondaliano será un programa cheo de actividades, mais en pequenos grupos, como pide este contexto sanitario. De luns a venres, de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 18.00, irase sucedendo formación en informática, capoeira, música tradicional, cancioneiro, cociña, mindfulness, costura, artesanías varias ou teatro, cun bo número de colaboradores. Os sábados, a seda da Fundación Pondal abrirá de 10.00 a 14.00, para dar cabida a ciencia e robótica. Polas tardes, das 17.00 en adiante, sucederanse as Covas Célticas, que se irán dando a coñecer en breve. Os domingos, a partir das 17.00, será tempo da saúde, da man de establecementos sanitarios locais.

Para que todo este ciclo de iniciativas sexa posible colaboran Xunta de Galicia, Xacobeo 2021/2022, Deputación, Concello de Ponteceso, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Axencia Galega de Innovación (Gain), Agadic e Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. Este vai ser o calendario semanal:

Luns

De 16.00 a 18.00 horas. Sesións de informática, con Jaime Morett, e de Capoeira Angola, con Sol Rivas. A Capoeira Angola é unha manifestación cultural afrobrasileira nacida no Brasil en tempos de escravitude. Fusiona danza, movemento corporal, autodefensa, música e tamén integración colectiva. Un xogo de liberdade, de conciencia. Haberá adestramentos individuais, en grupos e por parellas, coas debidas distancias de seguridade.

XOÁN A. SOLER

Martes

De 11.00 a 13.00 horas. Curso de música tradicional, da man dun grupo da Agadic. Haberá clases prácticas, con Carlos Taboada (gaita), Daniel Romero (gaita), Juan Carlos Rilo (gaita e tambor) e Xosé Lois Romero (percusión tradicional). Tamén clases teóricas, con José Ramón Bugliot.

De 16.00 a 18.00 horas. Citas co Cancioneiro (dirixe as sesións a regueifeira Lupe Blanco) e coa cociña (varios ensinantes).

Mércores

De 16.00 a 18.00 horas. Mindfulness, con Teresa Vilanova, e costura con Teresa Mosqueira.

Xoves

De 10.00 a 13.00 horas. Mañá dedicada de novo á música tradicional, cos gaiteiros da Agadic.

De 16.00 a 18.00 horas. Aprendizaxe de artesanía en papel, con Luís Facal, e de confección de monecas, da man de Aurora.

Venres

De 16.00 a 18.00 horas. Teresa Seara será a encargada do curso de cestería. Ricardo Rico ocuparase das sesións de pirogravado e Yago Espasandín, do tempo de saber en torno ao teatro.

ANA GARCIA

Sábado

De 10.00 a 14.00 horas. Seguen as Aulas de Robótica, con Gerardo Reino, así como as Aulas Científicas Isidro Parga Pondal, coordinadas por David Ballesteros.

Domingo

17.00 horas. As tardes do domingo estarán dedicadas a coidar a saúde. Cóntase coa colaboración de farmacia Pondal, parafarmacia Horizonte, o nutricionista Jonathan Casas, a acupuntora Regina, a podóloga Alba Gontad, a óptica A Trabe, a clínica de fisioterapia Brigantia, a clínica dental José Ramón Bazar ou a doutora Adriana Suárez. Disciplinas moi diversas que redundarán nun maior coidado. Por todo o anterior, semana ben completa.