Javier Teixeira: «No deporte do xadrez hai xogo e ciencia»

f. rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A pandemia tivo o seu impacto nos torneos, mais fala dun deporte claramente en auxe

13 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vén de rematar o cuarto Aberto Clásico de Xadrez Concello de Carballo, organizado polo club O Toque Xiria, con máis de 25 anos de traxectoria e presidido hoxe en día por Javier Teixeira. Oito días de paixón nos que a vitoria foi para quen xa partía de favorito, o mozo e gran mestre Gukesh, indio. Máis alá de resultados, quedan emocións e a posta en valor dun deporte en auxe, por máis que aínda haxa quen o considere só entretemento de mesa. Reúne todo o necesario: «No deporte do xadrez hai xogo e hai ciencia». Ten unha historia antiquísima, mais Javier di que para nada se quedou estancado: sempre progresa e sempre hai marxe para ver algo «que che deixa coa boca aberta». Aí entra, en certo modo, a vía artística, un terceiro factor. Xógase moito, a nivel de afección e torneos: co de Carballo, que tamén quixo sacar a competición á rúa, creando espectadores, cadraron máis dunha ducia repartidos por toda España.

-Con que se queda?

-Coa intensidade, a da preparación previa e a do desenvolvemento. A duración era novidade para nós, era a diferenza con respecto a outros torneos que fixeramos. Oito días, nove roldas, un deles con xornada dobre. Penso que así quedará para o futuro.

-Este formato suízo, este cambio, implica que Carballo xa está metido nese circuíto de vilas con grande tradición de xadrez?

-É a nosa intención. Debido á pandemia, o circuíto deste tipo torneos quedou suspendido pola Federación Galega de Xadrez. Sanxenxo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Cambados ou Mondariz entraban nel. En principio quérese recuperar para o ano. Non obstante, dábase a posibilidade de facer os encontros de forma independente, por parte dun club ou concello. Aquí, por sorte, puidemos levalo a cabo con todas as medidas. O obxectivo é consolidarnos, progresar. Creo que as datas de primeiros de setembro están ben, tivemos que buscar unhas que non coincidisen con outros torneos, e tamén nos permite aproveitar que a estas alturas hai moito movemento de xogadores por Galicia e o norte de Portugal.

-Cal é saúde deste deporte na Costa da Morte ou en Barbanza?

-Penso que boa. Sen ser torneos internacionais, na liga galega, e en varias divisións, hai clubs da zona. Non se puido xogar pola situación, así que, no noso caso, O Toque, logo de ascender, ten pendente empezala na máxima categoría galega. En Malpica, Muxía, Baio... hai clubs e encontros con tradición, que se manteñen no tempo. En O Toque, grazas tamén ao traballo da anterior directiva, que mantivo viva a chama, temos xogadores, non só de Carballo, senón de Coristanco, Dumbría, Santiago... O circuíto de rápidas si se puido facer, e aí entraron este ano os torneos de Zas ou de Carnota, ou os de Ponteceso e Malpica, en anos anteriores. Esperemos que todo se poida ir retomando. Hai relevo, e iso é importante: neste torneo que vén de celebrarse en Carballo, o segundo posto local foi para Uxía Marrozos, que debe ter sobre uns 15 anos. É importante esa renovación, a nivel competitivo e tamén a nivel directivo.

-O Toque Xiria é xa un referente dentro do xadrez galego?

-A idea é que para o 2022 haxa como dúas ligas, unha no primeiro semestre e outra no segunda. Na primeira parte, seguimos tendo a prata, e esperamos mantela, aínda que a priori parece difícil, pola traxectoria de clubs como os de lugares xa mencionados, ou os de Chantada, Verín... Pero nunca se pode dicir: o equipo que temos agora en Preferente, na que esperamos competir moi dignamente, foi o que competiu en Segunda División.

-Dicía hai algúns anos que para ser un bo xogador ou mestre de xadrez hai que ter algo de artista. Así o segue crendo logo do paso de Gukesh por este torneo?

-Incluso agora o creo máis. A miña opinión era esa vendo ou lendo sobre partidas míticas, e vese reafirmada co contacto directo. Falo por exemplo das simultáneas rápidas. Eramos 16 rivais, de diferentes niveis: íase movendo polos taboleiros e, logo da túa xogada, para a que ti tiñas tempo de pensar, el dedicaba dous ou tres segundos, máximo, a saber que mover. Así fixo cos 16, e gañou todas as partidas... ¡cunha tranquilidade! Gukesh [campión mundial sub14 e terceiro gran mestre máis novo da historia con 12 anos, 7 meses e 17 días] está na élite para a súa idade, e, iso xa é de por vida. A súa intención é chegar ao top 100, ao top 50... Aínda así, ganar aquí non foi un camiño de rosas, tivo rivais moi bos, vistas as táboas con Xulio del Prado, vigués, por exemplo.

-Podemos falar en certo modo de xadrez-espectáculo. Vostede viu «Gambito de dama»?

-Se non a viches, vas ter que ver dúas tempadas, porque aproveitando o éxito da primeira, parece ser que xa rodaron a segunda. Está baseada nun libro, de Walter Tevis, e élle bastante fiel ademais. O libro remataba como rematou a serie, así que esta segunda vai ser obra dun guionista, o cal me parece ben. O resultado da primeira foi magnífico, hai que vela. Creou tal afección que moitas nenas iniciaron clases de xadrez, aumentou a venda de taboleiros... Incluso polo empregado nas últimas partidas da serie, feito por unha empresa española parece ser, esta ten agora encargos de forma máis esaxerada.