O teatro inundará o outono de Carballo

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O FIOT, Festival Internacional Outono de Teatro, alcanza a súa 30.ª edición co «humor como xerador de discurso»

08 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Fina, de «Carballo de toda vida», foi onte a verdadeira protagonista da presentación da 30.ª edición do FIOT, que este ano alcanza a talla máis grande, «a XXX», segundo o presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, entidade organizadora do festival, xunto co Concello de Carballo. As actrices da aula municipal de artes escénicas déronlle vida ao público do festival, que permitirá que a capital de Bergantiños se mergulle un outono máis na fantasía con 39 espectáculos e 35 días de sesións, que se desenvolverán do 24 de setembro ao 29 de outubro.

O corazón do teatro de Galicia acollerá, de novo, o que é o evento cultural máis importante da capital bergantiñá. O FIOT é cada vez máis expansivo e así vai acadando cada vez máis espazos urbanos e, este ano, incluso rurais, públicos e privados de natureza social, cultural, educativa, institucional ou económica, co que implica a múltiples axentes. Os promotores perseguen unha programación «interesante, equilibrada e diversa», con propostas «innovadoras e arriscadas».

O coronavirus ponlle portas aos aforos, por iso Sueiro Pastoriza pide comprensión. Así, a Rúa dos contos terá lugar en espazos como a biblioteca municipal, a rúa Jacinto Amigo, o Espazo Xove, o Casino 1889, o salón de actos do Pazo da Cultura ou Mercado Municipal.

Destacou Sueiro que as mellores compañías do teatro galego estarán presentes. E tamén regresarán ás táboas do Pazo da Cultura, para os espectáculos de sala, compañías que gañaron o premio do público.

Sueiro desexou 30 anos máis para o FIOT e non deixou pasar a oportunidade de pedir outro auditorio máis amplo para non perder oportunidades. Evencio Ferrero, alcalde, está de acordo con proxectar outro espazo, pero pediu o esforzo conxunto da sociedade e o apoio das outras Administracións ao tempo que lembrou que el xa advertiu no seu día que o Pazo da Cultura ía ser pequeno.

Jacobo Sutil, de Agadic, que aporta 42.000 euros ó festival, loou o programa e a súa importancia, mentres que o deputado provincial Xurxo Couto afirmou que a Deputación da Coruña é a Administración que máis aporta aos festivais. A Fundación Calvo comprometeu o seu apoio.

Ron Lalá e Yllana, que foron premio do público, estarán de novo no festival

O público carballés terá a oportunidade de ver ás súas compañías preferidas, pois as que veñen levaron o seu premio. Entre elas están Ron Lalá, o 16 de outubro, con Andanzas e entremeses de Juan Rana; Yllana, o 10 de outubro, con Greenpiss; ademais da compañía de Manolo Alcántara, con Déjà vu, o 2 do mesmo mes; Contraproducións, o 9, con Cigarreiras; Serena Producciones, o 22, con Solo un metro de distancia; Voadora, o 23, con Othello, e Nove de Nove, o último día, o 29, con Con lo bien que estábamos.

Son sete sesións de «compañías que vimos medrar con nós», explican dende a organización. «Amigos para os que tamén somos parte da súa historia e que volven con afecto cando os convidamos», engaden. As entradas custarán 10 euros, pero haberá abonos.

Se ben o FIOT medrou noutros espazos, modalidades e técnicas, os espectáculos de sala son o cerne do que naceu hai 30 anos para «impulsar o tecido creativo, algo que logrou e que é un «exemplo para Galicia»

A programación, máis en detalle

Rúa dos contos | Estarán Alba Grande; Caxoto, coa estrea Don Carnal; Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Leo Arremecaghona, The Tetas Van, Brais das Hortas, Izquierdo Sisters, Ángela Triana, Arantxa Treus, Talía Teatro, Paula Carballeira, Xosé Antonio Touriñán, Fran Rei e Luis Piedrahita. Entre o 24 de setembro e o 12 de outubro.

Ciclo OTNI | FIOT e LIDISS (FIOT Fónico): A lúa, válvula de spray. Rúas de Carballo, do 24 de setembro ao 29 de outubro. Funboa escénica: Technocracia. Mercado municipal, o 25 de setembro. FIOT e LIDSS (FIOT Fónico): O espello que arde, rúas de Carballo, o 1 de outubro. Marta Valverde: 20'70'60'120 (work in progress), Pazo da Cultura, o 7 de outubro. Onírica Mecánica: Ronem Ram, Pazo da Cultura, o 15 de outubro.

Teatro de rúa | Avelacirco: A corda (Jacinto Amigo, o 1 de outubro). La gata joponesa. Los viajes de Bowa, o día 8 na Praza do Concello. SU.MA: Ikigai, Praza do Concello, o 15 de outubro.

Certame Metro Cadrado | Arroutadas, David Rodas González, Ana Abad de Larriva, Núñez&Ls Socios Limitados, Sara Guerrero Alfaro, Antón Concheiro. Ademais haberá unha nova sección, o FIOT en ruta, con dous espectáculos en Cances e Berdillo.