O legado literario familiar de Enrique Labarta Pose

CARBALLO

Labarta Pose
Labarta Pose

NO CONFÍN DOS VERDES CASTROS | Escribe Xosé Manuel Varela | Vai ser a primeira vez que na Costa da Morte se conte cunha exposición pública, esperemos que permanente, dun dos nosos literatos históricos

06 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecemos o legado literario familiar de Enrique Labarta Pose desde principios dos 90. Facilitáronnos esa información dous netos do escritor, hoxe xa falecidos, ambos fillos de Enrique Labarta Martínez. Luís Labarta Lorenzo, residente en Madrid. Enrique Labarta Lorenzo, instalado en Alemaña.  No país teutón estaba o pouco que se conservaba do mesmo. Dicimos pouco porque desde principios de século XX, Labarta, por motivos laborais, pasou a vivir en distintas cidades do Estado e con tanta mudanza só conservaría o básico da súa produción cultural.

Andando o tempo, e coas distintas homenaxes e presentacións de libros labartianos ata fin do século XX, Enrique Labarta Lorenzo, que se desprazara nun par de ocasións a Galicia, concibiu a idea de depositar este arquivo cultural en Baio. Ao principio barallara cederllo á Universidade de Santiago, na que Labarta Pose fora alumno famoso dentro das súas aulas. Tamén deixalo na Real Academia Galega, sita na Coruña, cidade tamén con vínculo familiar labartiano e na que o escritor traballara varios meses como funcionario de Facenda. Finalmente, viu na persoa de José Rojo Valiña (Pepe de Valiña) o depositario de confianza no que deixar en herdo todo este material que desde 1925 pasara polas mans de tres xeracións de Labartas.

Quedou, polo tanto, toda esta memoria literaria onda os centos de obxectos que José Rojo posuía no seu museo particular. Pepe amosáballos con ledicia a toda a xente que pasaba pola súa casa. Moitas destas persoas eran turistas que recalaban na vila de Baio. Falecido o fundador da Asociación Cultural Enrique Labarta, o legado labartiano continuou baixo a atenta protección das irmás Olga e Teresa. E hai poucos días, ambas asinaron un convenio de cesión co Concello de Zas para que todo este material histórico sexa exposto publicamente case ó lado do berce natal de Enrique Labarta, á beira dos Carballos da Botica.