As Festiletras acabaron no seu primeiro día coa fenda entre ciencia e literatura

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Volveu obrarse o «milagre» no Couto, con actividades ata o domingo

02 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouca presentación precisa xa a estas alturas unha cita como a das Festiletras. Xa van 39 anos de «milagre» cultural na aldea pontecesá de O Couto e, lonxe de apagarse, a chama do saber e da curiosidade está máis acesa ca nunca. De novo fóra das súas fechas habituais por mor da pandemia, onte arrancou unha nova edición dunha cita que, promovida pola Fundación Eduardo Pondal, bebe directamente da vontade colectiva e da implicación veciñal. E é que non só a sede da entidade acolle as moitas iniciativas promovidas dende onte e ata o domingo, senón que as propias rúas da vila bulen con actividade. Entre A Travesa e a Rúa do Campo, por exemplo, traballan dende onte Mou e Sokram, o dúo que conforma o colectivo Mutante Creativo. Se o tempo acompaña, nestas xornadas deixarán a súa pegada no Couto cun mural no que reflectirán as orixes musicais da aldea.

Lecturas literarias con acompañamento científico para demostrar que letras e ciencias non son excluíntes, moita música e obradoiros infantís encheron de coñecemento a primeira xornada.

Ana Garcia

Canosa-Carracedo, un tándem que xa comprometeu unha nova colaboración nun futuro

«Logo de ler este libro, non teño dúbida ningunha de que me gustaría ter a María no meu equipo de investigación». Estas palabras escribía o xenetista e divulgador Ángel Carracedo no limiar de H2... Oh!!! Pingas científicas, da ceense María Canosa. Probablemente o de compartir equipo será complicado, como el mesmo recoñece máis adiante no texto, pero a colaboración xurdida entre ambos irá máis aló desta publicación, da que onte falaron no Couto.

«Era a primeira vez que nos viamos dende que me escribiu o prólogo e para min foi moi emotivo. Foi unha maneira de darlle as grazas», recoñecía onte a ceense, que marchou da aldea pontecesá cun «agasallo» por parte de Carracedo: «El fai moita divulgación sobre xenética cos máis pequenos e hai un tempo falamos de facer algo xuntos. Presenteille un primeiro comezo e a idea del é que o ampliemos e chegue a converterse nun libro. Para min iso é un agasallo», confesou.

Así o afirmou onte o investigador e catedrático de Medicina Legal na conversa que María e el mantiveron ante a atenta mirada dos máis pequenos, a quen ía dirixida a actividade. «Falamos da ciencia e do pouco que nos gusta que intenten separala das letras», explicou María: «Descubrín que, pese a que estudamos en plans educativos distintos, os dous tivemos o mesmo problema: deixar de cursar algunhas materias. Aos dous nos gustaba moito, por exemplo, a filosofía, pero cada vez obrigan [máis cedo] aos rapaces a que escollan entre unha cousa ou a outra», relatou a ceense, formada en Enxeñaría de Camiños.

María, que instou a Carracedo a que lles contase aos pícaros cal é o seu labor e en que consiste o seu traballo, explicou así mesmo que tiña a «espiña cravada» de facer máis divulgación, tanto científica como literaria, e que de seguro despois desta primeira incursión irán saíndo máis proxectos deste tipo. «Tamén lles falei aos rapaces de por que escribín este libro e o que espero que saquen del: que non deixen de facerse preguntas nunca», sostén a escritora, que considera que a divulgación científica atravesa un momento «bastante bo», con máis dispoñibilidade de material, máis voceiros e máis centros educativos que incorporan conversas con divulgadores aos seus currículos.

Para María Canosa foi a de onte unha xornada especial e entrañable. Se durante a súa infancia se achegaba ata O Couto da man dos seus pais para participar nas actividades, «hoxe [por onte] vin impartir unha acompañada polas miñas fillas». «Sempre hai algo novo, algo que me fascina. Sempre hai sorpresas», conclúe.

Moita actividade hoxe: Carlos Blanco e Touriñán, medio ambiente ou monicreques

Ciencia, medio ambiente, narración e humor centrarán a segunda xornada das Festiletras na aldea do Couto.

Pola mañá

Prosigue unha das novidades desta edición, a iniciativa «Lendo a ciencia». Dirixida ao público máis novo, componse de propostas de lecturas en galego nas que participan os propios autores das obras, con apoio científico. Se onte pasaron polo Couto María Canosa, Concha Blanco ou Juan Castro Rivadulla, hoxe será o turno de Rosa Aneiro, que estará acompañada por Ceo Aberto e Íntegro para falar da obra Xelís, o guieiro das botellas do mar. Haberá, así mesmo, un obradoiro compartido con mariscadoras e redeiras.

Ana Garcia

14.00. A asociación cabanesa Íntegro abondará no seu proxecto Diversiplás, posto en marcha co apoio da Consellería do Mar, relativo ao medio ambiente e á eliminación de residuos plásticos.

Pola Tarde

16.30. O narrador Celso Fernández Sanmartín recalará na aldea pontecesá cun contacontos sobre animais no que colabora o Consello da Cultura Galega.

17.00. Monicreques da man da compañía Fantoches Baj, que fará chegar aos máis pequenos a Fábula galénica, do escritor lalinense Inacio vilariño.

18.00. Un remate de categoría para esta segunda xornada de Festiletras que virá da man de dous grandes nomes do humor galego, como son Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán. Sinónimo de éxito alá onde actúan, as entradas para o seu espectáculo, que podían conseguirse en Ataquilla, están xa esgotadas.