Aarón Rama: «O meu soño sería retirarme aquí e chegando o máis arriba posible»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O capitán do Bergantiños FC debutará na Segunda Federación co equipo dos seus amores

01 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Bergantiños Fútbol Club ultima o inicio dunha histórica tempada en Segunda RFEF. Aarón Rama Maceiras (A Coruña, 1990) seguirá inconmensurable na posición de lateral esquerdo. Continúa como primeiro capitán e, dende As Eiroas, traslada as súas impresións para a campaña que arrinca dende este sábado.

-Que tal o verán despois de acadar o obxectivo?

-Gozamos moito tanto ca tempada como co resultado, asimilamos axiña que formamos parte doutra categoría e tratamos de desconectar algo nas vacacións, aínda que logo pasaron.

-Vostede tiña claro que quería seguir, e así foi.

-En todo momento mostrei interese e por parte do club tamén dende o primeiro instante me transmitiron a súa intención de continuar, ou sexa que non houbo moito que falar.

-Será a súa novena tempada, que se di pronto.

-Mamaíña, que loucura! Cheguei na 2012-2013, na seguinte fun para o Fabril, e xa na 14-15 volvín e nunca máis marchei.

-Xogou algunha vez nunha categoría superior á Terceira División?

-Non, será a miña primeira vez. Para min é moi importante porque son moitos anos ás portas da Segunda B, con varias fases de ascenso disputadas, e por fin o logramos.

-Xa está aí, á volta da esquina, o primeiro partido. Que sentimentos se respiran na plantilla?

-Sentimento de preparar a semana de competición, onde todo é máis intenso, e con moitísimas ganas, claro.

-Como viu ao equipo na pretempada coas novas incorporacións?

-Vexo un equipo cun corte moi particular, cos xogadores que poden facer un fútbol determinado, e que sempre intenta impoñer o seu estilo de xogo en cada partido. As fichaxes melloran o nivel para esta categoría superior e considero que temos un bo conxunto.

-Que tal se están adaptando a Carballo?

-Están encantados e fan vida cos xogadores que viven no municipio. Vexo ao persoal moi unido, a verdade. O Bergantiños é un club que te acolle moi ben, non só nas instalacións das Eiroas senón na localidade en xeral. Sempre se preocupan polos futbolistas.

-Sendo da Coruña, o triunfo fronte ao Dépor seguro que non se lle esquecerá.

-Si, sempre é bonito gañar e, sobre todo, contra un equipo como o Dépor, pero creo que non hai que darlle maior importancia da que ten, porque se fose un encontro oficial sería moi diferente por ambas partes.

-Primeiro partido o sábado, fóra da casa, contra o Langreo, rival que mantén a categoría. Que espera deste encontro?

-Empezar sumando é importantísimo, pero tamén sabemos o equipo que ten o Langreo, que na casa é fortísimo, que as formacións asturianas en xeral son moi intensas e que o campo é moi amplo. Nós trataremos de aproveitar as nosas calidades e a liga poñerá a cada un no seu sitio.

-Imaxino que a estrea ante a súa afección, tamén xa rolda polas súas cabezas.

-Si, esperamos unha boa resposta por parte da xente. É unha nova categoría, con novos conxuntos e futbolistas, o que sempre é un atractivo máis para ir ás Eiroas.

-O normal sería loitar pola permanencia, pero o club parece que aspira a máis. Como levan a presión no plantel?

-O club sempre é moi optimista con respecto ás aspiracións do equipo cada ano, pero tamén nós, co estilo de xogo que temos, non imos a un campo a rascar un punto. De aí que vaimos loitar por conseguir o máximo que se poida. E con esa actitude, inconscientemente queres meterte en cousas grandes.

-Este ano, o equipo profesionalizouse. Vostede exerce como enxeñeiro de obras. Como leva compaxinar deporte e traballo?

-Ben! Por sorte teño moita liberdade de horarios e podo adaptarme. Son moi privilexiado. Venme ben para abstraerme e non estar todo o día pensando no fútbol [ri].

-Está a piques de cumprir os 31. Quédanlle aínda moitos anos de fútbol por diante?

-Pois a verdade é que nos últimos anos vin pensando moito iso, e a realidade é que só quero xogar ata que poida render ao meu máximo nivel.

-Gustaríalle retirarse no Bergan?

-Sería o meu soño, e chegando o máis arriba posible! Pero pouco a pouco.

-Xa é un carballés máis!

-Así me sinto, e ver que agora o club medrou moitísimo dende a canteira ata o primeiro equipo, tómoo como un éxito máis do orgullo que me fai sentir.

-Por que outros clubes pasou?

-Empecei no Ural, dende ós 11 ata os 18 estiven no Deportivo e, logo, tamén no Victoria CF e no Laracha.