Todos os ollos postos na riqueza forestal da Costa da Morte

sara romero sueiras

CARBALLO

José Manuel Casal

PLUMAS CON MANDO | Escribe Sara Romero, Xefa do distrito forestal V Fisterra | Houbo un cambio no réxime dos lumes, e anticipámonos ao seu comportamento

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os meus comezos na Costa da Morte foron no ano 2000 como xefa do distrito forestal V (Fisterra). A miña experiencia vén confirmar que a tendencia dos incendios é a baixar, sendo menor o número, malia que falamos de lumes máis grandes e máis virulentos. Así, constato que se produciu un cambio no réxime dos lumes, o que nos obrigou a anticiparnos ao seu comportamento, para mellorar a eficiencia e as estratexias nos incendios.

Isto lévanos a pensar que temos que reforzar o cumprimento da normativa vixente sobre a xestión da biomasa arredor das nosas casas, os nosos núcleos, as nosas granxas, os nosos cámpings,... manténdoa controlada, para que, no caso de rexistrarse algún lume, este faga o menor dano posible nos nosos bens e na xente. Todo isto para que a nosa organización poda reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais.

Centrándonos especificamente no noso distrito, dende a perspectiva da reacción ao lume, cada ecosistema forestal ten a súa propia personalidade, polo que unha planificación da protección contra incendios forestais debe contemplar a identificación e a caracterización dos ecosistemas forestais presentes, neste caso, na Costa da Morte. Nós, como persoas responsables, temos o compromiso de cumprir coa limpeza da biomasa nas zonas que así o requiran, ademais de identificar e illar as persoas que provocan lumes, todo isto para preservar o noso territorio.

BASILIO BELLO

En todo caso, cómpre lembrar tamén que temos moitos ollos -humanos e tecnolóxicos- postos na defensa da nosa riqueza forestal. Así, contamos con ata 142 cámaras en toda Galicia que vixían día e noite os montes, tamén os da Costa da Morte, e que ata poden captar matrículas de coches nas pistas e estradas. Dispoñemos, asimesmo, dunha ducia de drons que nos axudan nesta tarefa. Ademais, baixo o mando único da Xunta, traballan 7.000 profesionais, no conxunto da Comunidade Autónoma, centrados na vixilancia, disuasión, investigación e, no seu caso, extinción dos incendios.

No que atinxe á investigación, está funcionando, coa máxima eficacia, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO). Trátase dun equipo centrado nesta área de traballo, cos seus axentes liberados das tarefas de extinción, e que está contribuíndo, de maneira decisiva, a clarificar as causas -e os causantes- dos lumes.

A todo isto hai que sumar a imprescindible colaboración cidadá. Unha cooperación clave para alertar de posibles lumes, especialmente a través do teléfono 085, e tamén fundamental para poñer ás autoridades na pista de posibles condutas incendiarias. Para isto último, existe o número gratuíto e anónimo 900.815.085. Porque nesta tarefa de defender a riqueza forestal da Costa da Morte en particular e de Galicia en xeral todos os esforzos son poucos.