O recuncho de... Luis Fraga | O estudo herdeiro da primeira radio

luis fraga

CARBALLO

BASILIO BELLO

Eses Revox (magnetofóns de cinta aberta) que vedes na imaxe aínda funcionan! Non existía Internet, nin teléfonos móbiles, nin ordenadores

29 ago 2021 . Actualizado a las 22:03 h.

A miña querida tía Olga (DEP) traíame no seu coche dende Razo a Carballo todas as mañás daquel verán de 1985. Deixábame naquel edificio da avenida de Bergantiños onde se atopaba a primeira emisora de radio privada que tivo Carballo, Antena 3 de Radio. Eu, con 14 anos, era un adolescente namorado deste medio. Ler as necrolóxicas nun programa que curiosamente se chamaba Viva la Gente ou presentar o programa musical Tiempo Chaquetón, patrocinado pola desaparecida discoteca, foron, recordo, os meus primeiros pasos case profesionais nas ondas. Por iso o meu recuncho (con permiso da praia de Razo, da que teño falado noutros artigos e entrevistas) é este: o estudo da emisora herdeira de Antena 3, Radio Voz Bergantiños.

BASILIO BELLO

Os seus responsables tiveron o acerto de conservar os vellos equipos que tiñamos hai máis de 35 anos. Eses Revox (magnetofóns de cinta aberta) que vedes na imaxe aínda funcionan! Non existía Internet, nin teléfonos móbiles, nin ordenadores. A música procedía dos discos de vinilo que aínda conservan. Comprobeino na recente visita que fixen á emisora. Aproveitei para tomar unhas fotos que publiquei nun grupo de Facebook no que nos xuntamos antigos profesionais de antena 3 radio. Fun a envexa dos meus compañeiros. Pasaríame días enteiros neste recuncho, presentando un programa en autocontrol, en plan home orquestra. Por favor, compañeiros de Radio Voz, nunca vos desprendades destes equipos.

Luis Fraga é xornalista, comunicador e profesor.