Setembro, mes de lecer en Cabana

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O trío Claudia Abril, con violín e arpa céltica, pechou en Dombate a programación de agosto
O trío Claudia Abril, con violín e arpa céltica, pechou en Dombate a programación de agosto BASILIO BELLO

Logo da exitosa acollida da programación de xullo e agosto, o Concello xa ten deseñadas máis de media ducia de propostas máis, boa parte delas en Dombate. Circo, humor, música, cine ou teatro serán algunhas das disciplinas para os vindeiros días

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Agosto rematou «espectacular» en Cabana e setembro virá cargado de lecer. A actuación do Trío Claudia Abril, violín e arpa Céltica foi este pasado venres pura maxia no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. Logo dunha programación de xullo e agosto moi ben acollida, o departamento de Cultura de Cabana xa ten deseñado o calendario de actividades de setembro, un mes que, como dicía onte a técnica Silvia Losada, é algo así como de transición, pero no que queren manter a continuidade das citas culturais, centralizadas sobre todo no entorno do megálito, e enlazar logo xa co ciclo de outubro, novembro e decembro. Todo iso, por suposto, mantendo un estrito protocolo anticovid e tendo en contra as restrición vixentes en cada momento.

Visitas guiadas de día e de noite, visitas teatralizadas, espectáculos circenses, humor, algo de maxia e, por suposto, música. De todo iso houbo nestes dous últimos meses, pero cómpre destacar especialmente o éxito dos denominados ‘concertos con encanto’: Uxía, Luar na Lubre ou Claudia Abril foron algúns dos máis recentes. A demanda obrigou en boa parte dos casos a habilitar dous pases e o aforo cubriuse en numerosas propostas. «A pesar de estar nun ano tan complicado, tivemos moi boa resposta por parte da xente. Gustaron moito os espectáculos, e o feito de haber actividades ao aire libre, para público familiar», indica Losada. Ten aínda na memoria a emoción de poder gozar da grande dama da música galega, Uxía, e avanza que volverá a Cabana para o mes de decembro, só que desta volta cun espectáculo para os máis nenos.

ANA GARCIA

Dado o éxito, tamén se prolongou a todo agosto a exposición fotográfica Cores da terra, do xornalista Santi Garrido. Foi quen de capturar «cousas moi sinxelas», mais esa esencia e ese apego á memoria colectiva leva días e días atraendo miradas. «Incluso de noite, para as visitas guiadas, a xente achegábase a vela, a comentala», explica a técnica. Este Setembro de Lecer en Cabana é posible froito do traballo organizativo do Concello, coa colaboración da Deputación da Coruña, titular de Dombate, de Gadis e da Xunta de Galicia, a través do programa Xacobeo 2021/22.

Aforo limitado nas citas e con necesaria inscrición previa

As actividades ao aire libre, en espazos seguros, as propostas vespertinas, en horarios para a toda familia, foron e están sendo moi demandadas a raíz da pandemia. O covid-19 mudou hábitos, mais por sorte non freou a demanda de cultura e de talento en directo. Dende o departamento de Cultura do Concello de Cabana inciden na idea da continuidade dun protocolo que se demostrou moi axeitado. Hai toda unha serie de medidas hixiénico-sanitarias para previr contaxios e, ademais, todas as actividades teñen aforo limitado. Seguirá, ademais, para todas elas, o sistema de cita previa para reservar praza (non ten custe algún, as iniciativas son gratuítas para o espectador). Deste xeito, é posible controlar asistencia. Os interesados en acudir a calquera dos espectáculos deberán chamar ao teléfono 981 754 020 (Concello), en horario de mañá.

Dolmen Dombate
Dolmen Dombate BASILIO BELLO

A partir do 17, as visitas guiadas a Dombate serán de venres a domingo

O dolmen de Dombate, asentando en Borneiro, está xa plenamente consolidado como un dos epicentros turísticos de Bergantiños e da Costa da Morte. A catedral do megalitismo galego está recibindo este verán numerosas visitas, «algo esaxerado», como di a técnica de Cultura, Silvia Losada, con ledicia. Están funcionando moi ben as visitas guiadas, asumidas por profesionais da empresa Galipat, e tamén funcionaron moi ben as nocturnas que houbo nos meses de xullo e agosto. Neste setembro que está a piques de comezar cómpre ter en conta que mudarán os horarios para estes percorridos, que sempre son de balde. Así, ata o 15 haberaos todos o días da semana, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Non obstante, dende o 17 de setembro en adiante, ata o 26 de decembro, cando comezará outra tempada alta, a de Nadal, as visitas guiadas concentraranse nas fins de semana: de venres a domingo, de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas. Quen visite Dombate e Cabana, por certo, debería aproveitar para acudir a outro punto de referencia, tamén no propio Borneiro: o castro A Cidá. Velaquí a programación para as vindeiras semanas

domingo 5 de setembro

asSircópatas, con «Abracadaver». 19.00 horas. Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. Malabares, faquirismo, acordeón, equilibrios e moitas sorpresas máis «non aptas para cardíacos», avanzan. Volve Rogelio, di a sinopse, cun espectáculo dende a súa casa. Terapia de choque.

sábado 11 de setembro

Trío de Tres. 19.00 horas. Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. Velada de música: latino, clásico, jazz, swing, bandas sonoras... Temas propios, versións de pezas populares, arranxos persoais... E todo isto mesturado co humor, a improvisación, as solucións disparatadas. Ritmo para gozar e para que o público ría. Que acontece cando parte da banda chega tarde e despistada á actuación

Cine ao aire libre. 22.00 horas. Parroquia de Anos. Esta proposta tivo que ser suspendida semanas atrás debido ao mal tempo. Recuperarase nesta data. Os espectadores poderán ver o filme «Volando».

Sábado 18 de setembro

Pedro Brandariz. 12.00 horas. Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. «Contos e outras andrómenas», como se titula o espectáculo, será un contacontos lúdico e divertido a base de contos populares e tradicionais. De fondo, a transmisión e conservación do patrimonio oral galego. Raposos, meigas, Pedro Chosco e outras criaturas «galaicas» varias. Brandariz é ben coñecido nestas terras.

BASILIO BELLO

domingo 19 de setembro

Tátara Trío. 19.00 horas. Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. Tátara Trío é unha banda de música tradicional e de folk. Pablo Díaz Carro, Alejandro Fente e Fernando Docampo integración esta formación de repertorio animado e alegre.

sábado 25 de setembro

Caramuxo Teatro, con «Pavillón Lino». 19.00 horas. Auditorio municipal. Unha proposta escénica para toda a familia. Trepidante comedia de variedades nun espectáculo que nace para homenaxear ao desaparecido Pavillón Lino da Coruña, espazo cultural de estética modernista dedicado a todo tipo de actividades artísticas, teatro, cine, baile, monicreques, cómicos, autómatas... Pintorescos personaxes irán pasando por esta coidada sesión, nomeada ao Mellor Espectáculo Infantil nos Premios María Casares 2017.

domingo 26 de setembro

Xoán Curiel ao encontro de Martín Códax. 19.00 horas. Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. Xoán Curiel, cantante e compositor, e Iris Gey, tamén cantante, propoñen neste concerto unha viaxe no tempo dende o achegamento á figura de Martín Códax e o Pergamiño Vindel ata os nosos días. Poñen música, tamén, a letras representativas de poetas galegos de onte e de hoxe: Rosalía de Castro, Antón Zapata, Álvaro Cunqueiro... Hai tamén temas propios. Unha sesión para todos os públicos e con ritmos variados, «nunha armonía que cautivará ao público asistente independentemente da súa idade e procedencia».

ANA GARCIA