Luar na Lubre, de concerto en Dombate

CARBALLO

BASILIO BELLO

Cun aforo máximo de 500 persoas, as entradas poden mercarse en ataquilla.com | A histórica agrupación actuará o 20 de agosto no Centro Arqueolóxico da catedral do megalitismo, ao aire libre. Encabezan a programación cultural de agosto en Cabana

08 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca é verán de todo na Costa da Morte se nel non hai un concerto de Luar na Lubre. E este, haberao. A banda ao completo actuará o venres 20 de agosto no Centro Arqueolóxico do dolmen de Dombate (21.30 horas). Ao aire libre, na zona verde, e con 500 persoas como aforo máximo, atendendo ás restricións sanitarias vixentes, por causa do covid. As entradas, a 15 euros, pódense conseguir de forma anticipada a través de ataquilla.com. Voaron 60 nas primeiras horas, mais aínda quedan.

Este concerto de Luar na Lubre é a proposta máis destacada do programa cultural impulsado dende o Concello de Cabana para agosto. Será máxico e agardado para o público, distinto por facerse ao pé da catedral do megalitismo, pero tamén cun significado moi concreto para a propia agrupación, confesaba días atrás o seu líder, Bieito Romero. «Temos moitas ganas de facelo, é un concerto particularmente especial para nós, polo cariño que eu persoalmente lle teño á Costa da Morte e porque desa comarca é tamén a nosa cantante, Irma, de Vimianzo, da Terra de Soneira». Moitos traballos de Luar na Lubre, como xa se ten dito, teñen raíces neste territorio.

Segundo Romero avanzaba, o que en Dombate ofrecerán é boa parte do último disco da formación, o 19.º nada menos: Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos. Con el, mostra da pegada artística, cultural e natural do Camiño e banda sonora, dalgún xeito, do itinerario xacobeo, están xirando por España e Portugal. Non faltarán tampouco esas cancións clásicas do grupo, pezas que non poden sacar do seu repertorio en cada actuación en directo, porque son «bandas sonoras da vida de moita xente». O son do ar, Mi gitana, Chove en Santiago... Son moitas as emocións vitais ligadas a cada unha delas.

Está contento Bieito de que se volvan ir facendo cousas, concertos. Cre que este é un ano de «transición» que «abre as portas a volver ao que tiñamos». Á realidade precovid. Oxalá!

Moitas citas máis para este mes

Luar na Lubre será capital na programación deseñada dende o departamento de Cultura de Cabana para este agosto, pero haberá moito máis. Queda, por exemplo, a última visita guiada nocturna do verán en Dombate: día 13, 23.00 horas, con inscrición previa no 981 754 020. Tamén Os Quinquilláns seguirán coas suas visitas teatralizadas: No tempo das pedras pode verse os sábados 14, 21 e 28 , ás 18.00 e 19.30 horas, en dous pases. Hoxe mesmo, Alfonso Franco e Gabriel García ofrecerán unha clase maxistral de violín (12.00, dolmen de Dombate) e o 12 de agosto chegará outra da cita máis agardadas, a Ruta das Estrelas polos montes De Borneiro co catedrático Jorge Mira (22.00, necesaria reserva de praza). O 14, Desastronauts tomará a Praza do Pendón co espectáculo de acrobacias Máis alto aínda (20.00 horas). O 27 volverá a música ao dolmen, co trío de Claudia Abril (22.30) e, o 28, Peter Punk irá ata a Praza do Lodeiro de Canduas con Punkdemia (19.30 horas).