Os petróglifos do promontorio de Corme

Xosé Varela

CARBALLO

A. LAVANDEIRA

NO CONFÍN DOS VERDES CASTROS | Para o Colectivo A Rula esta é «unha das zonas de arte rupestre máis singulares do país» Pegadas da Idade do Bronce

16 ago 2021 . Actualizado a las 16:40 h.

Costa da Morte é territorio fértil en patrimonio material e inmaterial. En cada concello repítense elementos con mínimos trazos distintivos. Pero cando xorden espazos como o dos petróglifos do promontorio de Corme, a sorpresa vólvesenos maiúscula. Para o Colectivo A Rula esta é «unha das zonas de arte rupestre máis singulares do país». Pegadas da Idade do Bronce. Coñecemos estes petróglifos desde na década dos 90. Xunto con Xosé Ameixeiras e Xerardo Blanco, en mañá de domingo, cando aínda Suso Lista Neira non puxera pés na cama, este valedor cormeán levounos visitar os primeiros exemplos que acabara de descubrir. Un incendio, o labor de tilla, que foi remoendo o solo vexetal, e a chuvia de trebón deixaran a descuberto unha magnífica laxe decorada. Despois virían os estudos para o parque eólico. De todos modos, o máis decisivo para o seu descubrimento foron as interminables horas de pateo de Suso polo monte, nas que cada día atopa algunha sorpresa. A modo de broma, membros de Patrimonio da Xunta de Galicia dinlle que pare dunha vez porque non dan acabado de estudar toda esta riqueza patrimonial.

No pasado mandato, o Concello de Ponteceso sinalizou unha ruta que nos leva á Campaíña, á Fieiteira e á Regadiña. Magníficos paneis explicativos, con descarga de información en QR, descóbrennos o que non podemos ver coa luz do día. Tamén se pode visitar a web do Colectivo A Rula. Non obstante, ademais destas áreas citadas, e non incluídas na ruta, Suso Lista localizou petróglifos no Petón da Sombra, en Bostelo, no Río de Riba e nas Forcadas. Desde hai anos, todos os veráns Lista Neira realiza acompañamentos aos petróglifos de Corme. Este ano realízaos como actividade de dinamización social da Asociación Cultural Insua de Viastela. Coas últimas luces do día, iniciamos unha marcha políglota desde a Fonte do Campo.

O grupo vai ruando coa ollada posta na arquitectura mariñeira, nas augas da Arnela, nas da fonte da Saleta camiño do Cubeiro e, por corredoiras abeiradas de valos de pedra seca, chegamos ás Forcadas. Aquí, un afloramento ateigado de coviñas ao lado dun prado, que no seu tempo foi campo de fútbol da rapazada.  Proseguimos. Nunha encrucillada, laxe gravada coa figura do burro de Plácido Chans, antigo veciño da aldea do Roncudo. Pero esta é outra historia. Non é petróglifo da Idade do Bronce.