Pepe do Fieiro: «Menos onde os mouros gardaron o ouro, coñezo todos os detalles do Monte Pindo»

NICOLÁS POSE / X. A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JUAN LOURO

TURISMO A TODA COSTA | Explorar o Monte Pindo da man dun experto coma el, con 87 anos, é posible este verán no Concello de Dumbría

03 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No concello de Dumbría é tempada de rutas de sendeirismo polo entorno natural da desembocadura do río Xallas. Ata mediados de setembro, o CIR (Centro de Interpretación de rutas do Monte Pinto e Fervenza do Ézaro) organiza tódalas semanas tres rutas diferentes, entre outras actividades, adaptadas ao nivel de esixencia dos visitantes. A máis suave é a de Muíño Louredo, que ten unha variante máis longa, a de entre ríos. As saídas teñen unha limitación de aforo de 10 persoas, para manter a seguridade e ofrecer experiencias máis personalizadas.

A xoia da coroa deste programa en Dumbría é a subida ao monte do Pindo. Oito quilómetros dende o lugar de Fieiro, aínda que o punto inicial é dende as oficinas do CIR, ata o cumio de A Moa, onde os camiñantes poden gozar dunhas espectaculares vistas panorámicas e dun guía bastante especial. José Rodríguez, máis coñecido como Pepe do Fieiro, trátase dun dos últimos cabreiros que puido levar o seu gando ó monte do Pindo, polo que, nos seus 87 anos de vida, xa percorreu todos os lugares da lendaria montaña.

Pepe, trala prohibición de pastorear no monte, estudou maxisterio e, como complemento, ao remate dos seus estudos, emigrou a Londres como axudante de cociña para aprender inglés. Case dous decenios despois, retorna a España e, trala súa xubilación, dedica o seu tempo libre a colaborar co CIR. O monte do Pindo é o seu refuxio persoal, ao que sobe para gozar das súas cimas, da natureza e do aire puro, guiando polo Olimpo Celta, xa non a cabras e ovellas, senón aos visitantes que acoden ao Ézaro, ata uns magníficos balcóns naturais nos que contemplar o océano Atlántico ou a zona interior de Galicia dende unha altitude superior aos 600 metros.