Daniel Vila: «Un bo socorrista é o que apenas fai rescates ao ter as zonas controladas»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

«O deporte en tempos de covid é seguro, demostrouse en todos estes meses», di o director deportivo da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia

02 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O carballés Daniel Vila Recarey (1990) defende o cargo de director deportivo da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia dende a tempada 2019-2020, pero a súa vinculación con este deporte vén dende moi pequeno. A súa paixón pola disciplina fai augurar moitos máis anos de unión e, polo tanto, de traballo e entrega. Substitúe no posto a outro bergantiñán como é Sergio Quintela Díaz, Keko.

-Como comezou a súa relación co salvamento?

-Sempre estiven ligado a el, primeiro co club Sysca de Carballo dende os seis anos e durante gran parte da miña traxectoria deportiva e, logo, no equipo arbitral. Despois da dimisión do anterior director por motivos persoais, depositaron en min esa confianza. A tradición desta disciplina en Carballo, cunha das entidades galegas máis antigas como é o Sysca, tamén influíu. Do mesmo xeito, practiquei natación nas escolas deportivas do antigo Padroado e na Fogar, ambas da capital de Bergantiños, e xoguei ó fútbol.

-Veñen de levarse a cabo os campionatos de España en Laxe e Razo, Carballo, durante case unha semana. A súa celebración foi todo un éxito tendo en conta a situación na que estamos, con máis de mil participantes.

-Había unha precaución engadida a outros anos polo covid, pero a verdade é que estamos moi contentos. Foi un éxito organizativo e deportivo. Os protocolos funcionaron e, a día de hoxe, non nos consta positivo algún. Tamén houbo máis participación que en anos anteriores á chegada da pandemia. Apostamos pola continuación das competicións e estamos vendo que incluso contribuímos a concienciar ós rapaces na súa vida normal no que incumbe á situación sanitaria que vivimos, pois algúns chegaron ó colexio en setembro do 2020 sen estrañarse das medidas que tiñan que cumprir. Ademais, ao largo de todo este tempo demostrouse que o problema non estaba no deporte.

-Que teñen de especial os areais mencionados da Costa da Morte ou o do Ézaro, en Dumbría, para ser sede en repetidas ocasións de campionatos de tal calibre?

-Catro dos trece clubs galegos de socorrismo son desta zona. A maiores, hai unha boa disposición por parte dos concellos, e son praias que permiten este tipo de competicións en convivencia cos demais usuarios. Unha tarefa pendente é abrir novos horizontes, pero non é doado se non hai unha entidade deportiva detrás. En Barbanza, por exemplo, non existen clubs de salvamento. Houbo un intento en Ribeira, pero quedouse niso. É algo que non debería de ser así.

Ana Garcia

-Todos os deportes aportan infinidade de valores, pero este, a maiores, axuda a salvar vidas. Os que o practican buscan ese obxectivo ou simplemente lles gusta?

-É un deporte que nace do salvamento profesional. Os socorristas necesitaban manterse en forma e crearon competicións entre eles. O cen por cento dos que o practican teñen o curso para exercer como tal, máis que nada porque para competir a partir dos 16 anos é necesario ter esa formación acreditada. A maiores, un tanto por cento elevado, vixía as praias. Un exemplo da importancia deste deporte pode verse no feito de que en Carballo, entre outros lugares, cando houbo escaseza de socorristas non se notou, cubrindo as máis de trinta prazas. Eu mesmo traballei en Razo oito anos, sendo durante tres o coordinador, e tamén en Arteixo. Neste sentido, tiven poucas malas experiencias. Un bo vixiante é o que apenas fai rescates ao ter ben controladas as zonas de baño, aínda que sempre pode haber casos.

-O Sysca e o Sal larachés, o Salvar de Arteixo, pero tamén Cerceda e Virsal, conseguen espectaculares resultados. Que destaca do seu traballo?

-Nos últimos anos medramos moito nos resultados. Isto débese por un lado a que os concellos ceden facilmente as súas instalacións para adestrar. Por outra banda, os técnicos realizan sesións máis especializadas.

-Nun deporte minoritario como é este, a federación ten máis que nunca un papel clave. En que liñas traballan neste sentido?

-En Galicia agora mesmo hai unhas 800 licencias deportivas de salvamento que van dende os seis ata os sesenta anos. O que se busca é aumentar o número de clubs e dar a coñecer este deporte a través, por exemplo, de traer campionatos de España. É unha disciplina cun potencial enorme, pois corres, usas distintos materiais, nadas... e iso haino que aproveitar. Calquera pode divertirse practicándoo, algo que non sempre se consegue noutras modalidades.