Susana Seivane: «Nun día perfecto podería ir a Laxe»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Seivane na Carballeira de Zas no 2019
Seivane na Carballeira de Zas no 2019 BASILIO BELLO

A REMOLLO | Asidua á Costa da Morte, di que é «unha das mellores zonas de Galicia»

18 jul 2021 . Actualizado a las 14:23 h.

Volvendo de tocar na catedral de Santiago, a gaiteira Susana Seivane (1976) non ten reparos en aceptar este remollo dende a Costa da Morte. Artista, nai, fala de preto.

-Antes de nada, como andan?

-Ben, ben, dentro de como está todo... Desexando xa saír desta.

-E a nivel artístico?

-O ano pasado sacamos o disco Dende o meu balcón, xestado durante o confinamento. Saímos coa familia a tocar durante 55 días consecutivos ao balcón, para dar o noso aplauso musical. Cando xa nos deixaron empezar a saír, foi cando o gravamos. Estivemos practicamente dende outubro ata hai un mes e pico sen traballar, facendo cousas moi pequeniñas, na tele, concertiños en formación reducida... A cultura e concretamente a música foi un dos sectores máis castigados na pandemia, pese a ser un dos sectores dos que máis se tirou nela, pero que logo na desescalada resultou a grande esquecida. Fomos volvendo hai mes e pico, e miramos o futuro con esperanza, con ilusión de que vaiamos saíndo, aínda que están volvendo a subir os casos... Esperemos que non nos cancelen, sería moi inxusto non poder traballar. Non se presenta súper movido o verán, pero si temos citas importantes.

-Na Costa da Morte, o seu último concerto foi nada menos que a Carballeira de Zas. Agosto do 2019.

-Xusto antes de todo isto, si. Este verán, non sei por que, case todo o que temos é na provincia de Pontevedra [ri], aínda que tamén pasamos xa por Burela ou por Olot, Girona. E na Costa da Morte... que a min tanto me gusta... pois este ano de momento, nada!

-Estivo hai unhas semanas na Torre de Laxe, para algo especial.

-Foi un evento privado, unha voda. O noivo é moi fan meu, moi seivaneiro, como lles chamo eu aos fans, así que a súa moza quíxolle dar a sorpresa. A primeira peza que bailarían sería a súa canción favorita miña. Tíñano todo ensaiado, pero o que el non contaba era que, en vez de soar no disco, aparecería eu alí, cantando o tema en directo [Roseiras de abril]. Nin o noivo nin o resto dos convidados sabían nada: só o sabía a noiva e dous amigos máis, cómplices. Foi unha sorpresa marabillosa.

-Tiña feito algo así xa?

-Si, si, pídenme moito esas sorpresas, para noivos seivaneiros, e éme algo fermoso. Tamén teño oficiado vodas, casado á xente que son seguidores e que lles fai ilusión que sexa a casamenteira.

-Coñecía A Torre de Laxe?

-De oídas, si, pero era a primera vez que a visitaba. Quedamos encantados con Carmen, que nos tratou de marabilla. Un sitio espectacular. A Laxe si fun moitas veces, gústame moito, pero á Torre non me coincidira.

-Entendo que a Costa da Morte é un sitio que visita a miúdo?

-Encántame, e de feito teño moitos amigos pola zona de Malpica ou en Laxe mesmo. É unha das mellores zonas que temos en Galicia, fermosísima. Gústame ir.

-Dous nenos, de momento.

-Ai! De momento e sen momento e en todos os momentos! [Ri]. Fiz fixo oito anos en abril e Antón fará seis en agosto. Son os protagonistas do meu disco Fa [iniciais dos nomes dos nenos].

-Cambiou a súa música dende que foi nai? A súa vida en xeral?

-Claro que cambia, para todas as nais e pais. Antes de ser mamá seguramente che dirían ‘Xa verás o que cambia a vida', pero ata que non o es non te dás conta da magnitude dese cambio. Sobre todo, no meu caso, sendo música, sendo autónoma, foi algo brutal. Dende que son nai descubrín, por suposto, moitísimas cousas boas, pero tamén moitas outras das que falo nun libriño que acompaña ese disco Fa. Como que a conciliación non existe, salvo ao mellor nalgunha profesión. Pero no caso daqueles que temos un traballo, por así dicilo, bastante inestable, con momentos de moita máis carga, como é no meu caso o verán se falo de estar enriba dos escenarios, época na que precisamente os nenos están na casa... Ás poucas semanas de nacer estaba xa traballando, non quedaba outra. Tiven a sorte de ter a meus pais e sogros preto, pero se non... non sei como tería sido. É difícil traballando os dous.

-O seu goce do verán é musicalmente, logo. Iso de praia...

-Por semana intento polas mañás, aproveitando que os pequenos están de campamento, facer os traballos que teña que facer, da oficina ou da casa, para así pola tarde poder ir á praia... Se vén o verán, claro. Se podemos, collemos vacacións en setembro, cando o ritmo de traballo xa baixou e os nenos aínda non empezaron o cole. Así que iso, dende que me dedico á música, os meus veráns son ir trampeando pola semana.

-Que incluiría para vostede un día perfecto e ideal de verán?

-Non ter nada que facer. Poderiamos ir ás cabaniñas que teñen na Torre. Xa quedei con Carme que ao mellor en setembro... Baixaría tamén ata a praia de Laxe, para comer, porque hai sitios marabillosos. Sería un día ideal ademais aquel no que os meus nenos non se pelexaran, todo happy happy... Unha utopía, pero se a pregunta é por un día perfecto... En fin, un día en familia, con amigos.

-Algunha praia preferida?

-Buff... Praia preferida? Baldaio gústame moito. A das Catedrais, as Cíes... Pero nestas para bañarte tes que ter unha pel especial [ri].

Máis a fondo

-Mar ou montaña? Mar, mar. A montaña gústame para pasear, saír cos cans, facer algunha ruta, sendeirismo... Pero son de praia

 -Carne ou peixe? Fun moito de carne, pero ultimamente case valoro máis o peixe.

-Sardiñas con cachelos probaría. Neste mesmo San Xoán.

-E os percebes do Roncudo? Si, si, e ademais tomeinos en Corme. Toleo polos percebes.

-Pois íalle preguntar pola comida preferida. Bueno, como comida, comida... dende pequena foi sempre ovos e patacas fritas. De nena non me gustaban nada as verduras e miña avoa, para que as comera, dicíame que pechase os ollos, tapase o nariz, e pensase que aquilo era unha cullerada de ovos e patacas fritas. Había que meterlle moita imaxinación!

-Coñece a Eduado Pondal? Si, claro, aínda que non tiven a sorte de coñecelo persoalmente.

-En que lugar da Costa da Morte se tiraría a ver unha posta de sol? Creo que en Fisterra, para min unha das máis espectaculares. Ademais, fixen o Camiño ata alí e si, quedaríame con esa. Foi algo retransmitido, nunca especie de reality que fixemos David Perdomo.

-Puido nadar algunha vez na Praia dos Cristais? Ai, pois non! E sei que existe, eh, porque aínda o outro día estiven falando dela coa miña mellor amiga.

-Sabe dicirme cal é a catedral do megalitismo? O dolmen de Dombate, non?

-A última: chill-out ou chiringuito? Sendo na praia, cunha boa cervexa, váleme calquera!