O Couto recordou a Neira Vilas

J. Fernández CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A cova céltica da Fundación Pondal acolleu a presentación dos libros do autor Co pai e Caderno de Gres

19 jul 2021 . Actualizado a las 12:54 h.

A vella cociña da reitoral de Cospindo deu, unha vez máis, calor e acollida á figura de Xosé Neira Vilas, cunha cova céltica da Fundación Pondal dedicada á presentación dos libros do autor Co pai e Caderno de Gres. Foi en realidade unha homenaxe a un autor moi querido no Couto (Ponteceso).

Viñeron de emisarios Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Pura Galán, en representación de Política Lingüística, da Xunta de Galicia. Foi precisamente Redondo quen lembrou os grandes lazos do escritor coa terra de Bergantiños e máis en concreto con Ponteceso e O Couto. «Un lugar acolledor» e «tan especial», segundo Galán. En Co pai, Neira Vilas deixou grandes ringleiras de sensibilidade e humanidade. Reflicte, dixo Fernando Redondo, ese tempo de aprendizaxe e acompañamento do seu pai. Una inmersión na vida real que, ao fin e o cabo, acabou recreando na súas ficcións literarias.

Nova achega ao escritor

Caderno de Gres é unha fiestra con vistas á aldea das letras e a vida la Fundación Neira Vilas. Unha nova achega á vida do escritor a ás súas relacións con outros intelectuais, ao tempo que dá fe das actividades da entidade creada para darlle vida literaria e cultura ó seu lugar de nacemento.

Houbo agradecementos ao Goberno galego por apoiar estas publicacións e intercambios de anécdotas entre os asistentes en relación ao autor de Memorias dun neno labrego. Mesmo, o mestre recentemente xubilado Paco Abella contou como era quen trasladaba a Xosé Neira e a Anisia Miranda cando viaxaban pola bisbarra e a súa estreita relación persoal con este escritor vocacional e incansable. Unha longa e moi amena cova céltica na que se profundou nun personaxe moi querido e admirado ao que tamén se lle dedicou música de violín de Antía Ameixeiras.