As malas veciñanzas

Vicente de Lema CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

14 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai un tempo, uns veciños dunha aldea de Soneira viven unha das leas típicas derivadas da mala veciñanza. Resulta que unha muller do lugar tena tomada cunha parella de nonaxenarios por mor dun quítame de aí eses eucaliptos. Imos ver: os eucaliptos existen, pero son tan poucos e están entre outras árbores frondosas que dá a sensación de que o seu perigo pirófito é máis ben reducido. É máis. Moitas desas árbores xa estaban alí cando esa muller decidiu obrar e facer a casa que se atopa ante tanto perigo. Son destas cousas nas que as pobres das árbores levan a culpa, pero detrás da xenreira hai outro tipo de motivacións. O caso é que cando un quere buscar enfrontamentos as causas sobran. E unha delas é a tan traída e levada normativa sobre as talas de árbores que poden supoñer un grave perigo en caso de incendio forestal. Xa se sabe que, pillando a lei pola letra, pódense cometer as inxustizas máis grandes. Os pobres anciáns teñen que soportar os improperios de quen colle as regras e pide xustiza, como aquel feirante veneciano que esixía que a un debedor seu se lle retirase unha libra de carne de xunto ao corazón, como contaba Shakespeare.

Non é o caso exclusivo da muller soneirá. A normativa das talas de especies pirófitas é unha desculpa que aplican noutras aldeas outras moitas persoas que non saben como amolar aos veciños. Coñezo unha que tamén quería facer que cortasen un carballo, aplicando a mesma normativa. O problema, en realidade, era que a devandita árbore non lle deixaba ver o que facían as xentes do lugar. Ás veces, a curiosidade enferma.