Alegato carnívoro

CARBALLO

12 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Garzón que se debe moderar o consumo de carnes vermellas para frear o cambio climático e por saúde. Que dano tan grande fornecen unhas declaracións no ano no que máis se depreciaron as carnes para os produtores, namentres subiron expoñencialmente para os consumidores finais. Alégrame enormemente que o ministro de Consumo se preocupe pola nosa saúde. Poríame contenta que tamén se preocupase por un dos focos perigosos que temos na nosa alimentación: aditivos e conservantes tales como o aspartamo, o acelsulfamo k ou o nitrito de sodio. Substancias nocivas todas elas que se encontran en alimentos cotiás e que fornecen cambios metabólicos, hormonais ou xenéticos, prevalecendo o cancro con gran afluencia.

Se me dan a elixir, prefiro unha peza de carne de quilómetro cero e non un alimento procesado que pode levar meses plastificado e vir dende a outra punta do globo terráqueo. Señor ministro, apoie o comercio de proximidade que tamén é unha forma idónea de contribuír a frear o cambio climático e fíxese no noso parque automobilístico, no fast fashion e nas factorías obsoletas que temos. Fontes importantes e ineludibles tamén para denigrar o planeta.

Elvira Lindo pensa que é un debate a afrontar. Coido que temos que sustentar outro modelo cárnico, si. Apoiar a produción local e sacrificar sen sobreexplotación, coa garantía do mínimo sufrimento e o selo de benestar animal. Non con declaracións incendiarias e sen argumentación. Curiosamente, Elvira fala de que a mellor alimentación foi nos anos cincuenta e sesenta e a min véñenme á cabeza as historias dos de antes, de cando non había carne nas casas pero tampouco sal, patacas ou ovos para dar de comer aos fillos. Que demagoxia.