A Pedra da Arca do Quente, en Malpica

Xosé Varela

CARBALLO

Xosé Manuel Varela
Xosé Manuel Varela BASILIO BELLO

20 jul 2021 . Actualizado a las 16:00 h.

Na vasta extensión de bosque coñecida co nome do Quente, entre Filgueira (Cerqueda) e Santiso (Vilanova), encóntrase un dos dolmens máis grandes de Galiza:  Pedra da Arca. A súa monumentalidade convérteo nun dos espazos turísticos máis visitados de Malpica de Bergantiños.

Desde hai tempo conta con sinalización na estrada que enlaza Malpica e Buño e con paneis explicativos que van resistindo os actos vandálicos frecuentes contra este tipo de soporte informativo imprescindible.

Lembramos a súa silueta engalanada de piñeiral e agora núa coa tala realizada hai escasos anos. Nesta nudez, parécenos orfa. Non obstante, encántanos a vexetación baixa que poboa a súa mámoa, o florido púrpura das queiroas. Como «cantou» Eduardo Pondal no poema O dolmen de Dombate: «poboado en redondo de montesío estrame / de pequenas queiroas e de toxos non grandes».

O primeiro que destaca ao chegarmos a Pedra da Arca é a súa inestable monumentalidade. A cuberta da cámara pesaba no seu momento inicial 12 toneladas; tras ser rebentada por un barreno, adelgazou até as 9. Esta perda de peso da tampa provocou un esvaramento cara á lousa de cabeceira e orixinou un desaliñamento dos grandes ortostatos.

Pedra da Arca é un dolmen de corredor, pero esta parte é un enigma. Un espolio realizado no lado dereito da mámoa acugulouno de tal cantidade de terra que impide observar con detalle pedras e grandeza da mesma.

Lembramos aquí unha confesión de Abel Antón Rodríguez Casal realizada no Iº Día da Pedra da Arca: «Unha das miñas ilusións sería recuperar Pedra da Arca». Daquela, e aínda hoxe, compartimos ese soño.

Pedra da Arca garda a lenda da moura coma Pedra Moura de Aldemunde (Carballo). Di que foi construída por unha moura, que carrexou as pedras á cabeza mentres amamantaba un meniño e fiaba. Por certo, estas pedras non foron de cerca porque a formación xeolóxica do chan de Cerqueda non ofrece resultados graníticos. Monte de Beo ou Nariga poderían ser o seu berce. Granito de groso gran que impide a realización de gravados coma os de Dombate.

Podemos informar doutra lenda inédita recollida durante o traballo de campo do Proxecto A Croa do Castro de Cerqueda. Neste castro dicíase que vivían uns homes pequenos pero que tiñan tanta forza que se lanzaban un pau de ferro, chegaba ao castro de Cores. Pois A Croa e Pedra da Arca están relacionados tamén por unha lenda. Esta di que o anano que vivía na Croa era o mozo da moura de Pedra da Arca.

Como elemento comparativo, dicir que hai en Cerqueda unha lenda que fala dun xigante: o Xacintón. Di que vivía nun rochedo con forma de viseira situado entre a aldea do Ceán e a praia da Rega. Na Cova do Xacintón.

A lenda do Xacintón debeu ter tanto éxito que mesmo creou unha especie de ameaza para os rapaces mal guiados. Seus pais atemorizábanos coa frase: «Vas levar unha que chegas á Cova do Xacintón». Variante medoñenta local da do home do saco.

Moura, anano, xigante. Canta riqueza de patrimonio inmaterial no ronsel do Megalitismo!!