Dombate, epicentro da axenda cultural comarcal para os meses de xullo e agosto

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Luar na Lubre estará este verán en Cabana
Luar na Lubre estará este verán en Cabana BASILIO BELLO

Visitas teatralizadas, concertos, humor, observación astronómica, cine, danza e circo... ¡De todo haberá! O Concello de Cabana deseñou unha completa programación que terá o Centro Arqueolóxico do dolmen como punto clave das citas, aínda que non será o único

03 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de ser tumba colectiva, o dolmen de Dombate foi centro cerimonial. Sinal de territorio, bandeira, elemento diferencial, centro de actividade colectiva, como ten dito un dos seus maiores namorados, José María Bello Diéguez, director de escavacións levadas a cabo no seu día. Dun tempo a esta parte, baixo o impulso do Concello de Cabana e a Deputación da Coruña, institución esta última titular do ben, Dombate volve ser todo iso, e ademais cunha dinamización xestionada polo consistorio que, como se dixo recentemente, ben pode sentar o exemplo de cara a outros xacementos. Esa actividade, froito dese convenio de colaboración, non decae agora en verán: moi pola contra, dende o departamento de Cultura programouse un calendario de propostas que poderán facer de Dombate un epicentro da axenda cultural comarcal para xullo e agosto.

Moitas das actividades, todas elas de carácter gratuíto, terán como base o Centro Arqueolóxico, aínda que tamén se elixiron outros espazos para iniciativas puntuais, caso da Praza de Neaño, o auditorio municipal, a Praza do Pendón ou a pista polideportiva de Anos. Así, volverán este verán as visitas guiadas nocturnas e tamén as teatralizadas, cos Quinquilláns. Volverá ademais a música en directo, con grandes referentes do panorama galego; o humor, apostando por xente emerxente local; a danza e o circo; o cine ao aire libre ou a divulgación astronómica, cunha das iniciativas de máis éxito no estío deste municipio, a Ruta das Estrelas guiada polo físico baiés Jorge Mira, coordinador precisamente das Aulas Científicas A luz da ciencia dende o dolmen de Dombate. Así, Cabana será referente na Costa da Morte.

ANA GARCIA

«Dombate brillará como epicentro cultural este verán 2021, xa o fixo ao longo do ano coas aulas científicas. O departamento de Cultura traballa arduamente e propón unha programación que permitirá desenvolver multitude de actividades culturais para os meses de xullo e agosto, dende propostas para complementar a divulgación e posta en valor do dolmen ata outras citas de carácter cultural», apunta a técnica Silvia Losada. Menciona as diversas disciplinas contempladas incide en que se aposta por «combinar diversas experiencias culturais e musicais únicas, seguras e inesquecibles, con localizacións especiais e acolledoras, caso dos concertos con encanto». Todas as citas terán o seu protocolo hixiénico-sanitario, de aí tamén os aforos limitados.