A grande oportunidade para levar adiante o Parque do Megalitismo

Xosé Mª Lema

CARBALLO

Pedra Cuberta mercouse no 2018 e limpouse de maleza
Pedra Cuberta mercouse no 2018 e limpouse de maleza XOSE MARIA LEMA

Escribe Xosé María Lema, presidente do Semescom: Este é o momento oportuno que non se debera deixar pasar, pois cóntase co apoio económico da Deputación

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os días 17, 18 e 19 asistimos ás xornadas Parque do Megalitismo, motor cultural, organizadas pola Fundación Pondal co patrocinio da Deputación, unha loable iniciativa para poñer en marcha, dunha vez por todas, o tan ansiado Parque do Megalitismo prometido pola Consellería de Cultura da Xunta para a Costa da Morte en 2001, en 2005, en 2012... ata que o Goberno galego deixou de prometer, pois xa ninguén lle facía caso. O 17-04-2005, o Seminario de Estudos da Costa da Morte (Semescom) publicaba un manifesto contra A nova demora do Parque do Megalitismo e chamaba a atención pola burda lona de plástico que durante 14 anos (xa daquela!) mantiña oculto o dolmen de Dombate (www.finisterrae.com). Non esquezamos que foi a Deputación, da man do seu técnico cultural Felipe-Senén López, e non a Xunta, a que en 1997 salvou da ruína e restaurou o conxunto etnográfico do Mosquetín, as Torres do Allo e o Forno do Forte de Buño, tres centros de turismo ben emblemáticos. Agora preséntase outra oportunidade, pois de novo volve ser o ente provincial, co seu vicepresidente Xosé Regueira á fronte, quen está levando a cabo o proxecto do Parque de vinte anos atrás, pois a Xunta nin está nin se lle espera.

Estas xornadas xuntaron reputados especialistas en arqueoloxía, e tamén fomos convidados algúns divulgadores da zona. Alguén comentou que facían falla guías dos monumentos, pero penso que xa as hai desde hai ben anos: dúas publicadas pola Asociación Neria en 1999 (en galego e en castelán), e outras editadas polo Semescom en galego, castelán e francés en 2006 e 2007. Esta entidade tamén editou un calendario (2007), un documental (2009) e organizou unha exposición itinerante en 2011. En www.semescom.gal pódense baixar libremente as guías e o documental. O Seminario tamén coorganizou, cos Concellos de Carballo e de Vimianzo, dous simposios internacionais sobre o Megalitismo da Costa de Morte (en 2006 e en 2016). Polo tanto, boa parte do traballo está, polo menos, iniciado. Nas recentes Xornadas, das que fixeron un exemplar seguimento os xornalistas e o fotógrafo de La Voz de Galicia, pódense sacar moitas conclusións. Paréceme moi axeitado o slogan de que o Megalitismo pode ser o «motor cultural da Costa da Morte».

O arqueólogo José Mª Bello, o escavador de Dombate, afirmou que a Bretaña francesa atrae máis turismo polos seus monumentos megalíticos que a Costa Azul, e na Costa da Morte temos un bo filón, pois algunhas das nosas «grandes pedras» (Dombate, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, Pedra da Arca...) son coñecidas polos especialistas de toda Europa e poden ser o reclamo principal -o motor- para todo tipo de turismo cultural e ecolóxico, que é o noso: quen visite as nosas antas tamén se interesará polos castros, os castelos e os pazos, batáns e muíños restaurados, rutas de sendeirismo marítimo (dos faros, dos naufraxios) e fluvial (no río do Porto e no Anllóns), e xa non digamos a paisaxe xeolóxica dos Penedos de Pasarela e Traba ou do Pindo. Da importancia deste proxecto deu unha mostra clara Luis Jaime Rodríguez, técnico da Deputación, que mereceu o titular de La Voz de Galicia do pasado 20-06: «El megalitismo de la Costa da Morte tiene que optar a ser Patrimonio de la Humanidad». Palabras maiores!

O reto é rotundo e importante para as alcaldías, pero, engadía o técnico, isto pasa por respectar este patrimonio, coidalo e mimalo. Animou os Concellos a mercar os terreos e a deforestar o máis achegado ós monumentos, pois son importantes os accesos, a visibilidade e a paisaxe. Visibilidade e paisaxe que agora ten Pedra Cuberta, que fora mercada polo Concello de Vimianzo en 2018, co apoio da Deputación, no goberno de Manuel Antelo; limpouse despois de maleza e arborado e, deste xeito, quedaron a anta e a mámoa ó descuberto; hoxe é o monumento que na súa presentación máis nos recorda os bretóns e irlandeses. No mesmo ano o Concello vimiancés tamén adquirira, mediante permuta, a Pedra da Arca de Regoelle e apalabrara outros tres dólmens. Desde aquelas compras pioneiras, e a do Marco da Anta na Laracha, non teño noticia de que ningún outro goberno municipal se implicase na adquisición de antas, mámoas ou pedrafitas. Nin que dicir que este é o momento oportuno que non se debera deixar pasar, pois cóntase co apoio económico da Deputación, tal como o deixou ben claro o citado Luis Jaime.