A miña Costa da Morte, por Marta Lado

Marta Lado [ACTRIZ FISTERRÁ]

CARBALLO

Ana Garcia

ESPECIAL TURISMO NA COSTA DA MORTE | A miña Costa da Morte é familia. É ir ó cemiterio a noite de defuntos, disfrazarse no Entroido e tomar o vermú o día da festa. Tomar o mate en Fisterra xunto á vitrina onde se gardan as lámpadas e cabazas que mandaron de Arxentina. Tomar o té no Pindo con galletas dunha lata que trouxeran os nosos de Londres... Así é a miña Costa da Morte

19 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasear polo porto de Fisterra unha noite de verán. Polo Pindo, por Camariñas, Malpica, Lira... Con sorte, ver ós xeiteiros chegando coas sardiñas. Comer sardiñas asadas. Ou sen espiñas e adobadas, nun restaurante con vistas e un viño, non son purista e adáptome ben a todo. Ir ós viños a Corcubión. Escoitar música en directo nun bar ou un chiringo a pé de praia. Camiñar pola praia do Rostro, Carnota, Nemiña... Levar unha bolsa para o lixo e maldicir ós irresponsables. Deitarme a ler. Tomar unha caña en Lires. Ou no porto de Quilmas. Dar unha volta en lancha ata debaixo de Talón. Ir ó teatro a Cee ou a Vimianzo. Dar unha volta en kayak. Facer unha ruta de tapas. Chegar para os festivais de Fisterra, Lires, Corme... Ir ás festas onde non cabe un camión. Subir ó Monte Pindo e chegar á Moa. Subir ó Monte Branco. Escoitar o vento sen eólicas. Subir ó faro de Fisterra un día de borraxeira e tomar un chopo de auga en Cabanas. Visitar a cascada do Ézaro con orballo. Ir ó Cabo Vilán. Á Punta da Barca. Cear produto fresco nun restaurante e, ó saír, meterme nun bar de pedra con boa música. Durmir coas fiestras abertas.

A tarde de San Xoán a tradición di que debes discutir se hai sete fontes na vila, discernir se son de manancial ou non e discrepar sobre as herbas. Buscar en Google un debuxo rústico de cada unha e acabar confiando no criterio da primeira veciña que pasa e que, principalmente, lle bota rosas porque arrecenden mellor. É importante manter as tradicións.

Saltar a larada de San Xoán. Ou laradiña. Ou un xornal ardendo nun caldeiro na porta da túa avoa para que se arrime ó fume levantando un pouco a perna. Cruzar os dedos para que non queime o mandilón. Saltar por ela colléndolle a man. A tradición de San Xoán tamén di que tes que lavar a cara coa auga das herbas ó amencer seguinte, pero que o amencer en San Xoán ben pode ser ás doce do día porque a noite é moi longa e foi de viños.

Comer na casa da familia. Comer na casa da outra familia. Levar tuppers. Visitar ó resto da familia. Tomar cañas cos que case son familia. Que che conten historias. Que chas volvan contar.

Marta Lado, recollendo o galardóns nos Mestre Mateo por ONs
Marta Lado, recollendo o galardóns nos Mestre Mateo por ONs MARCOS MÍGUEZ

Comer polbo. Á feira, asado, á prancha, en caldeirada, empanada, pizza, bocata. Nunha feira ou na casa. No bar. Nunha medieval. Nun restaurante, nunha pulpeira, nunha festa, nunha romaría. Comer polbo noite e día. Pero sempre, sempre, sempre comentar: pois non está nada duro!

A miña Costa da Morte é familia. É ir ó cemiterio a noite de defuntos, disfrazarse no Entroido e tomar o vermú o día da festa. Tomar o mate en Fisterra xunto á vitrina onde se gardan as lámpadas e cabazas que mandaron de Arxentina. Tomar o té no Pindo con galletas dunha lata que trouxeran os nosos de Londres. Ter conversas nas que todos falamos á vez e comer de máis. Atoparte con túas tías pola praza ou o día de mercado, e comentar: «Viñestes? E a nena?». Ir ó supermercado, a unha tenda, e comentar. Ver ós compañeiros do cole ca mesma cara que de nenos, agardando que eles che vexan igual. Levar salitre no pelo e area nos pés como de pequena.

Pero agora cunha rebequiña, que está o tempo tolo de todo e non sabe unha como se ha de poñer, non é, miña irmán? Porque, dime ti: saín onte pola mañá, non se aghuantaba ca calor, aqueliña! Pois nada máis acabar a cosiña quixen ir andar... Que tamaña borraxeira, miña irmán! Que foi daquelas noites? E logho non me acordo eu? Daquelas noites de verán que había que saír da casa porque non se aghuantaba dentro... Vías a todo o mundo polo porto de manga curta... Aghora con estes cambios climáticos tes que levar vinte mudas. Que tanto chove, como morres ca calor. Cala, muller, cala, non me faghas falar, aqueliña, non me faghas falar.