O presidente da RAG trasladará ao pleno da Academia a petición para dedicarlle as Letras Galegas ao autor baiés Labarta Pose
CARBALLO

Recentemente reactivouse a comisión para que se lle conceda o distintivo ao baiés
16 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Varios foron os intentos en Baio, dende o ano 2000, para que a Labarta Pose se lle dedicase o Día das Letras Galegas. Mesmo se creou unha comisión investigadora que xuntou méritos, informacións e recoñecementos para avaliar a súa candidatura ante a Real Academia Galega. Reactivada esta iniciativa recentemente, e co físico Jorge Mira como portavoz, de novo se lle remitiu á RAG unha ampla documentación para postular a Labarta para o próximo nomeamento. Pois ben, o presidente da Academia, Víctor Freixanes, respondeu á petición asegurando que dará traslado da proposta «aos membros do pleno». Unha nova cando menos esperanzadora, pois aínda que finalmente o 2022 tampouco sexa o ano de Labarta, cando menos o seu nome volverá a soar no principal órgano de representación das letras galegas. Hai vinte anos medio cento de concellos e entidades subscribiron esta petición, e o apoio popular non foi en descenso dende entón. Cada actividade, cada acto, cada xornada divulgativa organizada en nome de Labarta goza de destacada asistencia. A súa obra deixou unha indubidable pegada, e agora son as súas xentes as que claman por un máis que xusto recoñecemento público.