Ata choran as árbores

Vicente de Lema

CARBALLO

16 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai noticias que deixan o corazón xeado. Un queda frío cando escoita determinadas novas. A mente paralizase, permanece sen resposta e non hai maneira de sacar un razoamento axeitado para dar resposta ás sensacións. Cando unha criatura de 11, 10 ou menos anos queda sen vida nun accidente é unha traxedia difícil de mastigar. Un ponse a pensar no transo que viven os seus pais, os seus avós, irmáns e a familia en xeral. Esas bágoas infindas. A fonte da dor que non deixa de manar. Non hai consolo que poda aliviar un corazón desfeito por un acontecemento así. Pensar que esa xente levará sempre presente nos seus adentros a perda do seu neno é moi difícil de asumir. Non hai alegría na vida que sexa capaz de afogar unha tristura así. Logo están as persoas da volta e os que dun xeito ou doutro estiveron na escena dos acontecementos. Os profesionais do ensino, que xa preparan calquera saída con grande precisión, coidado e grandes doses de responsabilidade. Saben que xogan con persoas moi delicadas e febles que en calquera momento poden ter unha desgraza. Ós mestres, ó director do centro e a outros profesionais do entorno vénselle o mundo abaixo. Tantas horas dedicadas pensando no mellor e no benestar dos rapaces e un fatídico pozo cheo de lama, lama traizoeira, oculta debaixo dunha capa de auga que invita e atrae ao baño, a refrescarse nun día de sol e de calor. O que ía ser unha xornada feliz e de aventura acabou nunha traxedia inesquecible, para a familia, os profesores, a empresa de turismo e para todo Carballo. Semella que ata choran as árbores.