Os cabalos gañadores da aposta turística da Deputación da Coruña

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ESPECIAL TURISMO NA COSTA DA MORTE | O ente provincial aposta por destinos de calidade, de gran riqueza paisaxística e cun valor engadido patrimonial

16 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Xeoparque de Ortegal, o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, o da Idade de Ferro do Barbanza e o da Compostela Rupestre son os cabalos gañadores da Deputación da Coruña. Unha aposta segura polos recursos turísticos de calidade, que son unha opción «de especial interese neste momento de recuperación do sector», sinalou o vicepresidente do organismo provincial e deputado da área de Turismo, Xosé Regueira.

Unha paisaxe excepcional, unha gastronomía internacionalmente valorada e un patrimonio histórico singular son só algunhas das bondades dunha provincia que namora.

Litoral salvaxe

As espectaculares vistas contempladas dende o «mellor banco do mundo» (o de Loiba); o espectacular faro de Ortegal ou os cantís de Vixía Herbeira, os máis altos da Europa continental, son algúns dos puntos máis destacados do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Praia de area negra de Teixidelo
Praia de area negra de Teixidelo DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Destacable a súa riqueza xeolóxica única no mundo coa praia de area negra de Teixidelo, e con covas que conteñen rochas que noutros puntos se localizan a máis de setenta quilómetros de profundidade e que neste territorio se poden contemplar en superficie.

O traballo desenvolvido dende os concellos, indican desde a Deputación, é clave para a dinamización deste enclave, no que se sitúan elementos de grandísimo valor como San Andrés de Teixido, os castelos de Moeche e Naraío ou o Festival de Ortigueira.

Riqueza megalítica

Outro deses cabalos gañadores polos que veu apostando o ente provincial foi o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte. Representantes da entidade viaxaron a pasada fin de semana a unha feira sectorial de Barcelona e foi precisamente o proxecto da Costa da Morte un dos que máis sorprendeu aos asistentes pola alta concentración de monumentos do Neolítico nese territorio, co Dolmen de Dombate como principal expoñente.

Dolmen de Dombate
Dolmen de Dombate DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Dez concellos están a desenvolver coa Deputación un proxecto mancomunado co fin de promover, conservar e poñer en valor os recursos que non son só tesouros do pasado, senón tamén ferramentas para o desenvolvemento turístico e económico do territorio co fin de diversificar e desestacionalizar a oferta.

De feito, a partir de mañá mesmo, xoves 17 de xuño, desenvolveranse unhas xornadas divulgativas promovidas pola Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, co patrocinio da Deputación, nas que participarán multitude de expertos e durante as cales se visitarán os principais monumentos megalíticos que integran este parque.